FEUGA achega ós empresarios galegos o curso Xestor da Innovación da AEC

martes, 1 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

A Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e a Asociación Española para a Calidade veñen de unir forzas para mellorar a formación no eido profesional na nosa terra, concretamente a través do curso Xestor da Innovación que ten en marcha a segunda entidade e que –en virtude deste acordo– chegará tamén en Galiza. O obxectivo da medida e (tamén) do propio Xestor é o seguinte: favorecer que a innovación no eido profesional galego se dea practicamente por si soa. Dito doutro xeito: incentivar no seo das empresas do país a constitución de departamentos propios de innovación, segundo sinala FEUGA nun comunicado.
O programa formativo Xestor da Innovación (que se poderá levar a cabo simultaneando a formación a distancia, empregando as redes, e a presencial) está especialmente encamiñado para directivos, xerentes, directores de calidade e encargados de proxectos.
O curso, que comeza o vindeiro día 7, artéllase en tres módulos e nunha serie de piares básicos, como por exemplo:
· Amosar as claves para levar a cabo a vixilancia do contorno exterior para unha mellor adaptación ás novidades e cambios.
· Identificar as actividades precisas para a protección das innovacións.
· Coñecer os recursos económicos para o financiamento deste tipo de actividades.
O curso, que como dixemos mestura a achega de contidos a distancia con sesións presenciais na sede da asociación en Madrid, está agora máis preto de Galiza ca nunca grazas ó acordo asinado entre a fundación e a AEC. Segundo o convenio, no caso de que o número de alumnos da nosa terra supere os 20 inscritos, as clases físicas celebraranse no edificio de FEUGA, no Campus de Santiago.
Os interesados e interesadas poden ampliar a información sobre o curso na web www.feuga.es ou a través do teléfono 981 534 180.

PUBLICIDADE