FEGAUS e AMTEGA lanzan dous itinerarios para introducir aos maiores nas vantaxes comunicativas e saudábeis das TIC

luns, 15 de maio do 2017 Redacción

O Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 da axencia AMTEGA segue adiante co seu obxectivo de derrubar os atrancos entre as novas tecnoloxías e as contornas sociais en risco de exclusión dixital, por exemplo colectivos do rural, de mulleres, de persoas con diversidades funcionais ou, no caso que nos ocupa, de persoas maiores. Nesta liña insírense precisamente dous novos ciclos formativos sobre o manexo de móbiles e tabletas e sobre as vantaxes das TIC para un envellecemento saudábel. Os ciclos, que veñen da man da Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), teñen o nexo común de facilitar o coñecemento e uso duns dispositivos que, ben empregados, teñen un amplo potencial para incrementar a nosa autonomía, a nosa comunicación con amigos e familiares, o noso acceso ao coñecemento, e mesmo a nosa saúde.
O primeiro itinerario formativo arrincou o pasado 12 de maio e rematará o 23 de xuño. Leva por título Saca o máximo partido ao teu teléfono intelixente ou tableta e goza de todo o que Internet che ofrece e está destinado a persoas cun nivel de uso inicial das novas tecnoloxías. Esta primeira quenda chegará a 12 aulas da rede CeMIT, que ofertan preto de 200 prazas en total, e cuxa inscrición figura aberta na web cemit.xunta.gal. As aulas desta primeiro ciclo son: Arzúa, Beariz, Boborás, Catoira, Celanova, Cuntis, Fisterra, Marín, Oroso, Sada, Santa Comba e Valga. Os seminarios impartiranse presencialmente desde unha aula CeMIT e poderanse seguir por videoconferencia nas restantes aulas.
O segundo dos itinerarios, Usa as novas tecnoloxías para unha madurez máis activa e positiva, celebrarase unha vez remate o período estival, nos meses de setembro e outubro, cando se desenvolverán outras sete xornadas con outras 200 prazas dispoñíbeis.
Os seminarios do primeiro ciclo realizarase todos os venres comprendidos entre o 12 de maio e o 23 de xuño (7 xornadas), en horario de 11:00 a 12:30 horas, de maneira presencial nunha aula CeMIT e seguíndose nas demais aulas CeMIT por videoconferencia.
O alumnado disporá dun soporte titorial que realizará FEGAUS, a través dos seus titores en liña, “de xeito que tras finalizar cada un dos seminarios poidan acceder a máis información relativa aos contidos da materia tratada”, informa AMTEGA, engadido que ese soporte incorporarase na plataforma de teleformación coa que conta a rede CeMIT, así como á resolución de dúbidas como nun curso en liña tradicional.
FEGAUS, como lembraremos, é un dos 700 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). A este plan pódense adherir aquelas empresas e entidades interesadas en participar “no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial”, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, con independencia do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

PUBLICIDADE