FECYT crea unha plataforma tecnolóxica para facilitar o financiamento de proxectos

mércores, 20 de xullo do 2011 Raquel Noya

Taracea é una palabra de orixe árabe que alude á técnica artesanal de encaixar pezas distintas para crear un obxecto, e agora tamén o nome escollido pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) para o seu programa de patrocinio e mecenado de proxectos, que non podía atopar un nome que lle viñera máis a conto, pois aspira a reunir a persoas e entidades de todo tipo cun obxectivo común: que se fagan máis proxectos innovadores e que estes teñan o maior impacto posible entre a poboación.
A través de Taracea, FECYT aspira a aumentar o financiamento destinado a proxectos de divulgación da ciencia e innovación, como congresos, exposicións, talleres, webs, redes sociais... aos que se pode acceder na súa web grazas a un buscador que identifica os proxectos por tipo de actividade, área científica e situación xeográfica.
Máis polo miúdo, Taracea recolle tres tipos de actividades: proxectos que recibiron unha axuda de FECYT a través da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica e da innovación; proxectos postos en marcha pola propia FECYT e o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, que se poderán beneficiar das doazóns que as persoas solidarias depositen na súa web de xeito desinteresado para apoialas.
Dos proxectos que o FECYT cita neste programa para o 2011, en Código Cero destacamos o de El Correo Digital S.L.U., que pretende dar a coñecer as diferentes iniciativas que se están a realizar no sector dos chamados serious games, aqueles videoxogos deseñados para un uso primario distinto ao do puro entretemento; e o de Gesbiblo S.L, un proxecto pioneiro que ten como obxectivo desenvolver unha aplicación para teléfonos móbiles e tablets na que se sensibilice aos profesionais e empresarios sobre as vantaxes da I+D+i en España, é dicir, algo así como unha “guía da innovación española”.
As persoas e empresas interesadas en apoiar economicamente estes proxectos poden facelo a través da web de Taracea, ou ben poñerse en contacto co FECYT a través da dirección, taracea@fecyt.es; a doazón mínima que se pode facer é de 5 euros.

PUBLICIDADE