FACUA denuncia fallos de seguridade en Change.org

martes, 4 de decembro do 2018 Marcus Fernández

FACUA-Consumidores en Acción solicitou á Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) que avalíe un fallo de seguridade da plataforma Change.org que permitía suplantar identidades para asinar e comentar peticións, no que a asociación de consumidores considera que vulnera o Regulamento Xeral de Protección de Datos, e que a empresa debería comunicar o problema a todos os usuarios con conta na plataforma.
Até hai uns días, con só introducir un nome, un apelido e un enderezo de correo electrónico en calquera das peticións de Change.org era posible publicar na plataforma sempre que o enderezo electrónico fose dado de alta algunha vez na páxina web (sen comprobar nin sequera que o nome e o apelido fose correcto) e a adhesión á petición facíase pública sen a validación oportuna.
O fallo non só permitía suplantar identidades, senón que tras facelo o suplantador podía ver o nome e o apelido ligado ao enderezo electrónico introducido, así como datos persoais como a localidade, a profesión e a fotografía de perfil. Tamén era posible crear e asinar peticións sen verificar contas de correo electrónico, ou sexa, que non era preciso que o titular do enderezo de correo confirmase as operacións en Change.org.
FACUA comunicou estes fallos de seguridade a Change.org o pasado 21 de novembro, tras o que introduciron medidas de seguridade, pero sen eliminar as sinaturas non validadas nin comunicar aos usuarios o problema de seguridade, tan e como establece a lexislación europea.
Dende FACUA consideran que Change.org tamén incumpriría o Regulamento por non ter medidas de protección adecuadas para o tratamento de datos sensibles (como son as opinións e crenzas políticas, sindicas e relixiosas).

PUBLICIDADE