FACUA denuncia a suba de prezos das tarifas Canguro de Orange

luns, 10 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Na mesma liña do que aconteceu coa suba de tarifas de Movistar Fusión, FACUA advirte da ilegalidade da suba de tarifas anunciada por Orange para os seus plans Canguro para finais de setembro, e que suporá aos clientes da operadora o pagamento de 2 euros adicionais ao mes que non respectarían as condicións acordas pola empresa nos compromisos de permanencia.
Orange pretende que a partires do 20 de setembro a tarifa Canguro Ahorro que agora custa 41,95 euros/mes pase a ter un prezo de 43,95 euros/mes, mentres que a tarifa Canguro Ilimitado pasaría de 53,95 a 55,95 euros/mes. Ambas tarifas inclúen un compromiso de permanencia de 12 meses para a fibra/ADSL e a liña móbil principal, e dende FACUA lembran que a modificación unilateral dos prezos cancelaría o compromiso de permanencia adquirido.
O departamento xurídico de FACUA xa está a preparar unha batería de denuncias contra Orange, que remitirase a distintos organismos nos vindeiros días, por considerar que a modificación continua de tarifas e outras condicións contractuais, sen respectar compromisos temporais nin garantir a duración mínima dos contratos é unha práctica abusiva.

PUBLICIDADE