FACUA advirte dunha gran suba de prezos nos servizos de telefonía fixa de Movistar

mércores, 16 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Por se non fora pouco coa subida da luz, dos combustibles e demais, os consumidores españois veñen de advertir dunha posible alza nos prezos dos servizos de Movistar que pode que deixe a máis de un usuario a piques de darse de baixa de calquera contrato telefónico que teña asinado e volver, porque se cadra non queda outra, aos tempos en que se procuraba á xente petándolle na porta. Así nolo conta FACUA-Consumidores en Acción, para quen está claro que a dita operadora prepara unha suba de prezos a partir do 1 de xuño que afectaría aos usuarios de telefonía fixa e que implicaría, entre outras cousas, un incremento do 150% no prezo por minuto das chamadas nacionais.
No que respecta ao establecemento da comunicación, a suba sería do 50%.
Para a asociación de consumidores, estes feitos débense á liberalización aplicada polo Goberno de España, “contraria aos intereses dos consumidores ao non terse establecido unha tarifa máxima/referente”.
A partir do documento en cuestión da operadora no que se informa destes cambios (nun documento en formato PDF), FACUA advirte tamén de que Movistar pretende aplicar unha cortina de fume sobre o devandito medre de prezos esgrimindo unha simplificación das tarifas nun único horario, de 0 a 24 horas, de luns a domingo, co fin de ofrecernos unhas condicións comerciais máis sinxelas.
O medre de custes, engaden, afectará sobre todo aos de sempre, aos cidadáns con menos recursos, que son os que non contratan tarifas planas polo reducido do seu número de chamadas.

PUBLICIDADE