Expulsan das probas de Windows 11 aos equipos que non cumpren cos requisitos mínimos

mércores, 1 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Microsoft está a deixar clara a súa postura de cara ao lanzamento de Windows 11 o vindeiro 5 de outubro, e tras dar a entender que os equipos que non cumpran cos requisitos mínimos non recibirán actualizacións de controladores e seguridade, agora déixao meridianamente claro, xa que os usuarios do programa Insiders que están actualmente a probar Windows 11 e os seus equipos non cumpren cos requisitos establecidos están recibir avisos indicando que non poden participar no programa de probas de Windows 11, instándoos a volver a Windows 10.
Queda así claro que Microsoft non vai facer a vista gorda, e quere garantir unha boa experiencia baixo Windows 11, aproveitando a ocasión para facer limpeza no sistema operativo, de aí que queiran soltar algo de lastre.
Algúns usuarios consideran que Microsoft non está a ser razoable por deixarlles instalar previamente a versión preliminar de Windows 11, pero a compañía de Redmond xa deixaba claro que os usuarios que quixesen correr tal risco non poderían optar á versión final de Windows 11, de xeito que se queren manter o seu equipo operativo terán que realizar unha instalación limpa de Windows 10.
Microsoft tamén está a comunicarse cos Insiders que se uniron ao Dev Channel de Windows 11, advertíndoos de que as probas que van a realizar nas vindeiras semanas van ser moi experimentais e inestables, polo que para manter un sistema operativo máis fiable recomendan pasar ao Beta Channel, o que permite seguir probando Windows 11 sen correr grandes riscos.

PUBLICIDADE