Expulsados de MySpace máis de 29.000 delincuentes sexuais rexistrados

xoves, 26 de xullo do 2007 Raquel Noya

A comunidade internauta en liña MySpace, propiedade do grupo News Corp., leva un tempo no punto de mira das autoridades por (sosteñen estas) terse convertido nun niño de nespras no que adolescentes e pederastas interactúan baixo a confidencialidade que outorga Internet, dando pé á sucesión de tráxicos desenvolvementos.
E non é para menos, xa que máis de 29.000 delincuentes sexuais agochábanse no servizo norteamericano de MySpace ata seren expulsados pola compañía.
Esta sociedade, que conta con 180 millóns de usuarios rexistrados en todo o mundo, anima agora a outros sitios semellantes a que fagan o mesmo, para tentar rematar cos delincuentes sexuais que empregan a Rede para achar e contactar coas súas posibles vítimas.
A petición de oito fiscais de Estados Unidos, a compañía comezou a investigar este tipo de casos en maio, descubrindo a máis de 7.000 condenados por delitos sexuais que empregaban o seu servizo; unha cifra catro veces superior á estimada nun primeiro momento.
Os 29.000 expulsados son só os individuos que se rexistraron co seu verdadeiro nome polo que “estas cifras poderían incrementarse”, segundo afirma o fiscal do Estado de Carolina do Norte, Roy Cooper, quen vén de presentar unha serie de propostas para acadar que estes sitios sexan máis seguros, entre as que se inclúen, endurecer as penas para aqueles que soliciten manter relacións sexuais a través da Rede.

PUBLICIDADE