Expourense reúne este venres a vangarda profesional da mercadotecnia en liña

mércores, 2 de novembro do 2016 Redacción

Este venres 4 temos cita en Ourense coa innovación ao servizo da mercadotecnia. Ou sexa, con todos os recursos dixitais cos que podemos contar (e son moitos e variados) para que chegar ao meirande número de clientes e deixar a máxima pegada no mercado. Falamos da nova entrega do Foro de Comunicación de Galicia, que se celebra en Expourense (da man, precisamente, deste centro de mostras e congresos), e que xuntará baixo un mesmo teito a algúns dos expertos actuais de meirande renome en materia de estratexias dixitais ao servizo da identidade corporativa. Por exemplo o presidente do Foro de Marcas Renomeadas Españolas, José Luís Bonet ou o publicista Marçal Moliné. Tamén achegarán relatorios representantes de Google, Galejobs, R ou Elogia.
En palabras de Expourense, “a cita ofrecerá un completo programa de conferencias nas que este ano cobrará especial protagonismo o mundo online e a estratexia de marca”.
En total, haberá unha vintena de relatorios a cargo de expertos en novas tecnoloxías e mercadotecnia, escolas de negocios, profesores universitarios, xornalistas ou empresarios. Amais de debater sobre o emprego dos medios dixitais, tamén se fará fincapé no fomento dunha cultura de emprendemento a través de conferencias sobre internacionalización e experiencias de xestión.
A conferencia inaugural virá da man do director do programa de dirección en comunicación corporativa IE Business School, Enrique Sueiro. O programa continuará cunha mesa redonda que versará sobre estratexias de transformación tecnolóxica e na que participarán responsábeis de comunicación e social media de empresas galegas referenciais como as devanditas Estrella Galicia, Galejobs, R Cabel e Elogia. A continuación celebrarase un relatorio orientado a analizar as relacións entre os profesionais da comunicación da empresa e dos medios, a cargo do xornalista Luis Fraga.
Para organizar o programa deste Foro, Expourense conta coa colaboración das facultades ligadas á Comunicación da Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago, o Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia e asociacións como MARKEA (Asociación Galega de Mercadotecnia), DIRCOM Galicia (Asociación de Directivos de Comunicación de Galicia), Creatividade Galega e da Asociación Galega de deseñadores Gráficos. Tamén se conta co apoio da Consellería de Economía e Industria, a través do IGAPE e a Deputación Provincial de Ourense.
Este 4º Foro da Comunicación de Galicia clausurarase por primeira vez coa entrega de Premios da Comunicación e a Mercadotecnia de Galicia, promovidos polo Clúster da Comunicación Gráfica, do que se achegará información logo da xornada.

PUBLICIDADE