Expourense e a ESEI premian tres proxectos tecnolóxicos smart

venres, 16 de decembro do 2016 Redacción

Onte, 15 de decembro, tiña lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense a entrega de premios da 16ª edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, proposta de Expourense e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense que quer galardoar os mellores traballos fin de estudos presentados por alumnado do eido tecnolóxico de Galicia e Portugal, salientando a transferencia dos resultados ao tecido produtivo. Desta volta os premiados foron os traballos fin de grao de tres egresados da Universidade de Vigo (graos de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e de Enxeñaría Informática): un dron para a medida da temperatura no perímetro de zonas afectadas por incendios forestais, unha aplicación para o seguimento cardíaco perante estímulos multimedia e un portal para a xestión de viñedos.
Ao acto de entrega de premios asistían: Francisco Javier Rodríguez (director da Escola Superior de Enxeñaría Informática); Jorge Pumar (vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense) e Cristina Álvarez (directora de Administración de Expourense).
Indo aos traballos galardoados, o primeiro premio (300 euros) foi para o traballo fin de grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación de Alberto Novoa, de definición e construción dun RPAS ou dron, para a medida da temperatura no perímetro de zonas afectadas por incendios forestais e a avaliación da súa utilidade para a prevención de posíbeis reproducións. Con este sistema, nun escenario de por exemplo dez hectáreas o dron faría o percorrido do perímetro en 9 minutos e 40 segundos cun custo de 2,95 euros mentres unha persoa polo método tradicional faríao en 70 minutos e cun custo de 43 euros.
O segundo premio (150 euros) foi para Javier Villalobos polo seu traballo fin de grao en Enxeñaría Informática Herba. Trátase, explicou, dunha “aplicación Android de monitorización cardíaca de persoas perante estímulos multimedia, como imaxes ou vídeos, ou mentres están realizando algunha acción ou estado”. A súa vantaxe é que, apuntou Villalobos, “ademais de obter información cardíaca ten en conta outro tipo de estímulos que xa achega a propia aplicación”.
O Premio Especial Deputación de Ourense-Provincia Intelixente (400 euros), foi para Alba Nogueira polo seu traballo fin de grao Portal de xestión de viñedos. Un sistema para rexistrar as actividades dunha explotación vitícola, consultar datos meteorolóxicos próximos ao viñedo e xestionar a vendima e as ofertas de traballo vinculadas a el, entre outras cuestións .

PUBLICIDADE