Expertos internacionais proban en Vigo un programa informático para identificar quenllas

mércores, 31 de xullo do 2013 Redacción

A Organización das Nacións Unidas para a Agricultura (FAO) está estes días a experimentar e a probar as funcionalidades do programa IsharkFin, un recurso tecnolóxico no que xa traballa dende hai tempo a Universidade de Vigo. Máis en detalle, o grupo de expertos da FAO (tres investigadores), teñen o obxectivo de avaliar o programa para calibrar unha das súas grandes aplicacións: a identificación das distintas especies de quenllas en función das súas aletas. Segundo informa a UVigo, este primeiro exame do proxecto chega cando está a piques de cumprirse un ano de que a FAO lle encargase á Universidade, e máis en detalle ao profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Cástor Guisande, un software que permitise coñecer as distintas especies de escualos e pór freo ao declive que nestes anos está a sufrir esta especie, facilitando o control nas súas capturas.
Por certo que tamén por requirimento da FAO, a Universidade de Vigo desenvolveu previamente outro programa, o sistema IPez, que contribúe á identificación das diferentes especies de peixes en base á súa morfoloxía. Este recurso foi o que serviu de alicerce para a creación do novo software agora en proceso de análise, desenvolvido tamén por Guisande, que informa que o tempo estimado para recoñecer a especie á que pertence o escualo capturado é inferior aos cinco minutos e a persoa que manexa o programa non precisa ter coñecementos previos da taxanomía destes animais xa que só debe medir a aleta en cuestión. No proxecto, engade a UVigo, están a participar expertos de diferentes países e a Universidade é a encargada de deseñar o programa informático e os algoritmos que permiten esta identificación. Entre os investigadores da FAO presentes estes días en Vigo atópase a especialista australiana Lindsay Marshall, xunto cos profesionais Mónica Barone e Peter Psomadakis. Os resultados amosaranse a finais de semana, pero os tres membros da FAO xa falaron da “posibilidade real de ampliar este proxecto conseguindo que a identificación dos animais se poida facer a través dunha fotografía tal e como destacou o profesor Cástor Guisande”.

PUBLICIDADE