Expertos en identificación dixital chegan a Compostela da man do CPETIG

mércores, 8 de setembro do 2010 Raquel Noya

Co principal obxectivo de familiarizar á cidadanía cos novos entornos de identificación usando certificados dixitais e tarxetas criptográficas (para así mellorar a súa comunicación en liña con entidades públicas e privadas), o CPETIG vai levar a cabo, o vindeiro día 10 de setembro, un seminario de usos e aplicacións destas ferramentas, que poderá ser seguido por videoconferencia dende toda Galicia.
A xornada, que como apuntamos en días pasados, terá lugar no Telecentro de Santiago de Compostela, con emisión por videoconferencia aos telecentros de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, contará co relatorio de Roberto Martínez, técnico de seguridade do INTECO-CERT e instrutor de cursos de seguridade informática, que achegará os principais conceptos sobre a sinatura electrónica, así como co de Natalia Miguel Álvarez, licenciada en Enxeñaría Informática pola Universidade Autónoma de Barcelona e experta en seguridade informática, que falará sobre os lectores de tarxetas intelixentes, achegando información de utilidade sobre esta tecnoloxía.
Asemade, intervirá Víctor Alberto Salgado Seguín, avogado-socio do Bufete de Dereito Informático Pintos&Salgado e europrise legal expert da Comisión Europea, que achegará a súa experiencia no eido da identificación en liña.
As persoas asistentes nos distintos telecentros poderán participar no seminario realizando preguntas ou comentarios aos relatores, e ao final do seminario recibirán candasúas tarxetas con sistema de cifrado e identificación dixital CERES+WG10 FNMT-RCM certificada pola Fábrica Nacional da Moeda e Timbre.
O acto dará comezo a partir das 16:00 horas e está previsto que remate ás 20:00 horas.

PUBLICIDADE