Expertos en computación dunha ducia de países participarán en Santiago no congreso CTMI

luns, 15 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Un prestixioso e sobranceiro elenco de expertos internacionais presentará en Santiago os avances máis innovadores das matemáticas para resolver problemas da industria e da sociedade (problemas reais e concretos das empresas, da profesión médica, do activismo a prol do medio ambiente e a loita contra o cambio climático), botando man de aplicacións baseadas en estatística, información a gran escala (Big Data), modelado, simulación e optimización. Estamos a falar do primeiro Congreso sobre Transferencia entre Matemáticas e Industria, o CTMI 2019, que se celebra entre o 22 e o 24 de xullo en Santiago.
Detrás deste importante evento atópase o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), participado polas tres universidades galegas e con sede no Campus Vida, que contará, para a realización do congreso, co apoio da European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation (EU-MATHS-IN), a Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia (GAIN), a Rede Estratéxica en Matemáticas (REM) e a Enterprise Europe Network.
Como dixemos, o CTMI 2019 reunirá a destacadas personalidades internacionais do ámbito da empresa, a ciencia e o mundo académico co propósito de promover o uso das matemáticas máis innovadoras na industria. Os participantes proceden de diferentes países de Europa, América, África e Asia; en particular de Francia, Hungría, Italia, Luxemburgo, Noruega, Alemaña, Ucraína, Rusia, Estados Unidos, Kazajistán e Alxeria; ademais de diversos puntos de Galicia e do resto de España.
A finalidade concreta deste encontro internacional é a promoción e difusión de ferramentas matemáticas xunto ás súas aplicacións industriais. No transcurso do mesmo presentaranse novas liñas de investigación orientadas ás necesidades da industria e da sociedade en xeral. E daranse a coñecer algunhas experiencias singulares de transferencia de resultados á industria. Tamén se porá foco en mostrar como a colaboración entre o mundo académico e a industria permitiu abrir novas liñas de investigación no eido das matemáticas e a súa reflexión en publicacións de impacto internacional.
No marco deste encontro terá lugar unha actividade paralela de divulgación da tecnoloxía matemática á sociedade en xeral. Será o 23 de xullo no Auditorio Abanca de Santiago (rúa Preguntoiro), de 20:00 a 21:00 horas. Antonio Pita Lozano, responsábel global de analítica e consultoría en LUCA, Unidade de Datos de Telefónica, ofrecerá a conferencia Datos e matemáticas. Os propulsores das compañías data driven. Versará sobre o valor da información para as empresas: un activo estratéxico para a transformación dixital. Durante a súa intervención fará un percorrido sobre o reto de sacar rendemento aos datos mediante modelos matemáticos de Intelixencia Artificial e estatística co obxectivo de aumentar os ingresos empresariais, reducir os custos e mitigar os riscos para mellorar a xestión empresarial.
Congreso bianual
A deste mes de xullo en Santiago é a primeira edición deste congreso de transferencia matemática en España, promovido pola Rede Española Matemática-Industria (math-in) e que prevé ter edicións bianuais. O CTMI 2019 é un evento satélite de ICIAM 2019 (International Congress on Industrial and Applied Mathematics), un congreso que se celebra cada catro anos. A anterior edición foi en Pequín e a vindeira terá lugar en Xapón. Este ano celebrarase en Valencia a semana previa ao CTMI 2019 de Santiago -do 15 ao 19 de xullo- e está previsto que asistan máis de 4.000 congresistas.


PUBLICIDADE