Expertos de Red Hat afondarán en Santiago na virtualización de servidores

venres, 18 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Conxo, Santiago) vai acoller as vindeiras xornadas un encontro encamiñado a poñer ao alcance da sociedade galega os segredos e vantaxes do máis recente repertorio informático dunha das marcas máis senlleiras do software libre mundial: Red Hat. Máis polo miúdo, trátase dunhas xornadas dirixidas a achegar luz sobre a virtualización para servidores, especialmente indicadas para os seguintes perfís técnicos: profesionais do eido TIC, administradores, responsables ou futuros directores de sistemas, socios de Red Hat, alumnos do propio Centro, etc.
As xornadas, chamadas Tech Happy Hour, son segundo os responsables do CNTG unha boa oportunidade para establecer diálogo cos expertos de Red Hat e JBoss, para debater arredor do software libre para a empresa e máis para ampliar os coñecementos sobre as novidades tecnolóxicas das ditas marcas e do seu ecosistema.
Por certo que está previsto que participen nas xuntanzas arquitectos en solucións de Red Hat para amosar polo miúdo as capacidades do seu RHEV (Red Hat Entreprise Virtualization), ferramenta para a xestión escalable e dinámica do centro de datos.
O evento, informa o CNTG, vai incluír exemplos prácticos e teóricos de todas as solucións que achega a devandita ferramenta orientadas a servidores. O encontro terá lugar no dito Centro (situado no barrio de Conxo, en Compostela) o vindeiro martes 6 de outubro a partir das 17.00 horas.
Por certo que as prazas van ser limitadas, e o proceso de admisión levarase a cabo por “estrito orde de rexistro”. A inscrición poderá formalizarse na web específica de Red Hat para este tipo de actividades.
Axenda
17:00 Benvida
17:15 Red Hat Enterprise Virtualization para Servidores: construíndo un
Datacenter virtual. Casos prácticos.
19:00 Aperitivo e coloquio

PUBLICIDADE