Expertas en igualdade expoñen en Pontevedra a importancia da muller na aparición das TIC

venres, 4 de novembro do 2011 Raquel Noya

As expertas falaron da igualdade e desigualdade de xénero no ámbito das novas tecnoloxías

A Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, da man da profesora Mari Lires, vén de celebrar en Pontevedra o ciclo de conferencias Introdución da perspectiva de xénero en áreas de coñecemento, no que se pretendía, entre outras cousas, analizar o papel que xogaron as mulleres na aparición das novas tecnoloxías, para o que Lires convidou ás expertas Gloria Soneira e Iria Vázquez.
Na súa intervención, Soneira, experta en ciencia, tecnoloxía e xénero, explicoulle ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte que a informática naceu na segunda metade do século XX a cargo de enxeñeiros militares “que deixaron en mans femininas a programación dos primeiros ordenadores por consideralo un procedemento aburrido e de oficina”.
Xa que logo, podemos comprobar de primeira man o importante papel que xogaron as mulleres na aparición das novas tecnoloxías, algo que corroborou apuntando que na actualidade, a humanidade dispón de programas informáticos “grazas ás mentes femininas máis brillantes de Estados Unidos da segunda metade de século, que foron quen de aprender a lóxica de aplicación dos ordenadores e mellorar a súa operatividade”.
Malia todo, o mérito destas mulleres non foi recoñecido ata o ano 1997, cando se proliferaron os estudos feministas e se descubriu que moitas delas traballaron agochadas “e que todos os seus proxectos ían asinados polos seus maridos ou polos seus pais”, afirmou Soneira.
Pola súa banda, e sempre segundo se informa no Diario da Universidade de Vigo (DUVI), a socióloga Iria Vázquez centrouse na situación actual da muller fronte ás novas tecnoloxías e neste senso afirmou, con estatísticas en man, que tres de cada catro postos laborais relacionados coa tecnoloxía están en mans masculinas”.
Entre as causas, Vázquez sinala os estereotipos de xénero, a existencia dun ambiente hostil “no que as mulleres quedan relegadas a postos menores e cobrando moito menos” e na dispoñibilidade de tempo para aprender, posto que, en palabras da experta, “as novas tecnoloxías requiren moitas horas de dedicación, algo do que a muller non dispón porque segue a responsabilizarse da maioría das tarefas do fogar”.

PUBLICIDADE