Éxito da vertente virtual da mostra que conmemorou o legado de Isaac Díaz Pardo

luns, 31 de maio do 2021 S. P.

A Cidade da Cultura despediu esta finde a mostra As miradas de Isaac, o máis completo percorrido visual e expositivo pola vida e o legado dunha grandes figuras da historia recente de Galicia: Isaac Díaz Pardo. A iniciativa botou o peche cun concerto no Museo Centro Gaiás do cuarteto de corda Grupo Instrumental s. XX con todas as entradas, previa retirada de convite, esgotadas. A mostra, organizada pola Xunta para homenaxear ao principal impulsor da fábrica de Sargadelos co gallo do centenario do seu nacemento (en 2020), foi un éxito na súa vertente física (recibiu máis de 26.000 visitantes) e na súa vertente virtual (con preto de 2.500 escolares de Primaria afondando nos contidos da exposición a través de visitas didácticas en liña realizadas polo persoal de guías do Museo Centro Gaiás e emitidas en directo a través da canle de YouTube da Cidade da Cultura).
A mostra, comisariada por dous dos fillos de Díaz Pardo (Camilo e Xosé Díaz Arias de Castro), estivo conformada por máis de 500 pezas, entre obras de arte, esculturas, cerámicas, publicacións, carteis e obxectos persoais. A través delas reflectiuse “a inesgotábel creatividade” de Díaz Pardo, “un personaxe clave da cultura galega do século pasado, responsábel de iniciativas e proxectos tan relevantes como por exemplo a recuperación de Sargadelos, o Laboratorio de Formas, o Instituto Galego da Información, Ediciós do Castro ou Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside”.
Visita virtual e páxina web

Concerto de clausura na Cidade da Cultura

Para “compensar o peche de actividade presencial do Museo Centro Gaiás en determinados intres pola situación da COVID”, a mostra contou cunha aplicación virtual, que permitía percorrer a través de calquera dispositivo móbil as dez seccións da exposición, completadas con información polo miúdo de pezas destacadas e tamén con pílulas audiovisuais que se podían descargar.
Ademais, a mostra viuse reforzada coa posta en marcha da páxina web Isaac Díaz Pardo. Memoria viva; que se converteu “nun espazo virtual de referencia onde concentrar e atopar todo o seu universo creativo”, conformado entre outros elementos por documentos históricos, vídeos, fotografías ou material didáctico.
Tras o peche desta fin de semana no Museo Centro Gaiás en Santiago de Compostela, As miradas de Isaac comezará nas vindeiras semanas un programa de itinerancias por varias cidades galegas.

PUBLICIDADE