Everis introduce ao alumnado da FIC na ciberseguridade activa

martes, 4 de abril do 2017 Redacción

A empresa tecnolóxica Everis, multinacional española con notábel presenza na nosa terra (acubilla nas súas instalacións da Coruña unha equipa de máis de dous centenares de consultores), vén de anunciar que segue adiante coa súa colaboración coa Universidade da Coruña e, máis polo miúdo, co alumnado da Facultade de Informática (FIC). Se recentemente falamos da visita dos estudantes ás instalacións galegas da empresa, os días pasados Everis anunciou a celebración dun obradoiro orientado a fornecer aos alumnos recursos avanzados de seguridade TIC e de resposta ante os ataques. Máis polo miúdo, amosaralles como detectar ameazas, buscar evidencias e analizar e identificar o malware co fin de restaurar os sistemas afectados no menor tempo posíbel. O taller desenvolverase baixo o epígrafe Ola Ciberseguridade.
A cita será o 19 de abril, de 11.00 a 13.00 horas no laboratorio 0.1W da FIC e virá da man dos expertos en ciberseguridade de Everis. No obradoiro, nun plano máis concretos, os profesionais da empresa amosarán técnicas de sandboxing e realizarán probas reais de posta a punto de sistemas con estas metodoloxías. O sandboxing, por certo, consiste basicamente en illar procesos: crea compartimentos estancos para aplicacións e programas e os protexe do resto do sistema ao abeiro dun colector virtual.

PUBLICIDADE