Everis colaborará coa Deputación da Coruña para levar a eAdministración a todos os concellos

luns, 25 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación da Coruña presentou ante os alcaldes, concelleiros e técnicos da provincia os detalles do programa PEL-Concello Dixital, orientado a impulsar a transformación tecnolóxica dos pequenos concellos coruñeses antes de que remate o ano en curso, impulsando a súa plena e activa adaptación ao que se coñece como Administración Electrónica. Para garantir a consecución total deste ambicioso proceso contarase coa colaboración da empresa Everis.
A entidade que preside Valentín González fíxolles saber que a Deputación vén de aprobar a inclusión no Plan de Emprego Local (PEL) dunha nova liña denominada PEL-Concello Dixital, cun orzamento de 693.209 euros, que permitirá a contratación de técnicos especialistas que darán soporte in situ e acelerarán a implantación da eAdministración nos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes.
O obxectivo, explicaron os responsábeis da entidade provincial, é ir alén dunha simple transformación de metodoloxías de tramitación, xestión e comunicación, creando alicerces para xerar emprego, axudando a mellorar a formación e cualificación dos empregados municipais e facilitando as relacións entre a administración local e a cidadanía. Amais, búscase reforzar a transparencia na xestión municipal: que o que se faga a nivel actividade pública teña o seu reflexo fiel informativo perante a cidadanía. En última instancia preténdese que a A Coruña sexa un referente no ámbito dixital, con todos os concellos, sen excepción.
Na cita cos alcaldes cos técnicos lembróuselles que para a implantación do programa PEL-Concello Dixital, o servizo de Informática e Administración Electrónica da Deputación conta coa colaboración técnica da consultora tecnolóxica Everis, que vén de gañar a licitación pública para a coordinación do programa e que conta cunha dilatada experiencia neste ámbito, tanto no sector público coma no empresarial.
Segundo se fixo saber, o programa suporá a contratación dun xefe de proxecto, dous coordinadores e un mínimo de 9 axentes altamente cualificados (titulados universitarios con máis de dous anos de experiencia no desenvolvemento de proxectos de formación e transformación dixital na administración). En total, o plan supón a contratación inicial de 12 persoas, oito mulleres e catro homes, que hoxe estiveron nesta primeira reunión de traballo e que se encargarán de axudar aos concellos neste proceso de transformación dixital.
O equipo contará con expertos/as en aspectos coma contratación electrónica e procedemento administrativo, xestión documental e de arquivos, protección de datos, ciberseguridade ou tecnoloxías de comunicación , que realizarán o seu traballo nos concellos da provincia, formando ao persoal municipal, asesorando e favorecendo a implantación da Administración Electrónica nestes e outros ámbitos, así como nos asociados á implantación da tramitación dixital de expedientes TEDeC e outras plataformas integradas (SIR, Notifica. gal, sedes electrónicas municipais, plataformas autonómicas e estatais, etc.), garantindo os dereitos dos cidadáns para relacionarse por medios electrónicos coa Administración, e promovendo a transparencia.
O plan de formación que inclúe o programa pretende chegar a máis de 600 empregados públicos da provincia no prazo de un ano, a maior parte persoal administrativo, pero tamén secretarios, tesoureiros, interventores e responsábeis de Informática dos concellos da provincia.

PUBLICIDADE