Europa aposta forte pola dixitalización de libros

martes, 20 de outubro do 2009 Raquel Noya

A Comisión Europea, na súa teima por fomentar a dixitalización de libros sen deixar de respectar os dereitos dos autores (lembremos o acordo ao que chegou con Google para permitirlle dixitalizar libros europeos e facelos accesibles dende Internet), vén agora de facer o propio para que as persoas con algún tipo de discapacidade, es especial as que teñen problemas de visión, poidan acceder a contidos dixitais de xeito doado e de balde.
Para iso, vén de presentar unha comunicación, é dicir, un documento non lexislativo, mediante o cal propón fomentar a dixitalización de libros e facelos accesibles a tódolos públicos, e en especial, ás persoas con discapacidade.
Bruxelas destaca a oportunidade que supón a dixitalización de obras para unha sociedade e unha economía “baseadas no coñecemento” e considera que o debate que hai aberto sobre o acordo negociado con Google, “debe seguir adiante para que Europa non quede rezagada na fronteira dixital”, mais iso sí, con algúns cambios para adecuarse á leis actuais.
No comunicado presentado hoxe mesmo, Bruxelas comprométese a adoptar as “accións axeitadas” así como a “manter un diálogo con tódalas partes interesadas” para, segundo afirman, “establecer unha estratexia comunitaria sobre propiedade intelectual”.
Deste xeito, os membros da CE fan fincapé na importancia de “afrontar os grandes retos culturais e xurídicos que plantexa a dixitalización”, para o que ven preciso “atopar unha solución” para aquelas obras que máis obstáculos presentar para a súa difusión en formato dixital, ben por estar esgotadas ou ben por ser orfas, é dicir, estar suxeitas a dereitos de propiedade intelectual sen saber rotundamente a identidade do autor.
No tocante ás persoas con discapacidade, a CE instará aos editores a impulsar máis obras en formatos accesibles para elas, á vez que se compromete a organizar un foro para coñecer mellor as súas necesidades.

PUBLICIDADE