Euro Risk: nova app de orixe galega con cumprida información sobre as primas de risco da Eurozona

venres, 26 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

A marxe de aplicacións (vala a repetición) das aplicacións (app) é tan grande coma o mundo, ou máis. Valen para calquera cousa que se nos ocorra, e, nalgúns eidos de actividade de especial actualidade ou complexidade son de especial importancia, polo que teñen de clarificadoras e de focos axeitados de información. Un exemplo disto: as primas de risco no ámbito da crise económica mundial. Moito se fala delas nos últimos tempos, e, malia todo, a algúns de nós (moitos) escápasenos o seu verdadeiro significado e o seu alcance. Para pór un pouco de luz sobre isto e para informarnos polo miúdo do seu estado actual, o galego Pablo Gómez Margareto puxo en marcha, xunto con dos compañeiros, un proxecto para achegar unha nova aplicación que visualiza as primas dos países da Eurozona. Ademais, subministra datos históricos do déficit, a débeda, o desemprego ou o Produto Interior Bruto (PIB) per cápita, entre outros parámetros.
A aplicación en cuestión ten un mes de vida, pero iso non evitou que acadase xa unha importante repercusión. De feito, xa se logrou unha taxa de 300 usuarios únicos ao día entre as plataformas de Android e iOS. A ferramenta, chamada Euro Risk, abrangue sete series de datos temporais que a xuízo dos seus responsábeis son do interese de toda a cidadanía: prima de risco, rendemento do bono a dez anos, déficit / superávit do goberno, nivel de débeda pública sobre o PIB, taxa de desemprego, PIB per cápita ou taxa de crecemento do PIB. “Poderedes esculcar sobre todos eles”, informa o equipo de Euro Risk, “e comparar e ver as respectivas gráficas para os distintos rangos de tempo, ao que cómpre engadir a posibilidade de ver o gráfico intradía para a prima de risco e o rendemento do bono a 10 anos”. Para completar a información de actualidade, Euro Risk ten dúas seccións onde podemos manternos informados das últimas novidades sobre a cuestión económica actual: Novas e Twitter.

PUBLICIDADE