Estudantes e programadores unen forzas para manter a Oficina de Software Libre da UDC

mércores, 27 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Estudantes da Universidade da Coruña e máis usuarios galegos de programas abertos están a facer fronte común arredor da continuidade da Oficina de Software Libre (OSL) da dita institución educativa galega, un departamento que nos últimos tempos non deu moitas mostras de actividade, segundo contan os colectivos por mor de terse conxelado a renovación do acordo que fai posible a boa marcha desta Oficina. O departamento en cuestión, dirixido a promover a divulgación e a creación de programación aberta, foi unha realidade grazas ao compromiso da Xunta e máis da UDC. A xuízo dos devanditos colectivos, cómpre que o Goberno galego renove o seu apoio, e máis se temos en conta a importancia do material co que se traballa dende a Oficina: un software, o chamado “libre”, que permite moita marxe de adaptabilidade, achega baixos custes de adquisición e conta co respaldo dunha comunidade internacional de deseñadores.
Con todo, e malia que se segue a pedir a continuidade do departamento a través dun documento entregado onte mesmo con sinaturas de adhesión que eviten o desbotamento da Oficina, a UDC informa que o devandito convenio xa foi asinado e está á espera de que se desenvolva.
Por certo que a plataforma posta en marcha para respaldar o software libre dentro da UDC, que foi formalizada xa hai unhas cantas semanas, conta cos apoios do sindicato de estudantes CAF, da Asociación Trasno, do Grupo de Programadores e Usuarios e de dúas ducias de profesores e investigadores. A día de onte (día sinalado para a entrega de sinaturas perante o Reitorado), a cifra de apoios recadados para a súa iniciativa andaba a rentes dos 600.
Cómpre lembrar que a Oficina de Software Libre naceu en virtude dun convenio entre a Consellería de Innovación e as universidades galegas. As súas funcións son, sobre todo, achegar formación e recursos de coñecemento á comunidade universitaria arredor da programación aberta, colaborar na posta en marcha de novos proxectos ou programas e avanzar na independencia tecnolóxica, amais de promover a localización e a presenza da nosa lingua nas diferentes ferramentas informáticas abertas.
Sobre as vantaxes económicas do software libre, a plataforma exprésase desta forma: “Os cartos investidos nas OSLs son iso, un investimento, e nunca un gasto; apoiar ao software libre representa un aforro, xa a curto prazo en licenzas e, a medio prazo, unha axuda fundamental cara a independencia tecnolóxica da nosa sociedade”. E prosegue, expoñendo as razóns da mobilización: “Por todo iso solicitamos que a UDC manteña o servizo actual e destine unha partida orzamentaria para manter a OSL”.

PUBLICIDADE