Estudantes do IES de Brión chegan á final do prestixioso concurso Wisibilízalas

mércores, 1 de febreiro do 2017 Redacción

Os nosos centros educativos seguen sumando éxitos en materia de innovación, enxeños e tecnoloxías. Se hoxe a primeira hora falabamos do recoñecemento obtivo polo CEIP Laredo (da man da Fundación El Bulli e a Fundación Telefónica), agora é a quenda de salientar os importantes logros obtidos polo IES de Brión, cuxa equipa Brión 2 resultou finalista no concurso Wisibilízalas da Universitat Pompeu-Fabra, xunto con outros tres equipos de colexios e institutos de todo o ámbito estatal. O certame, como o seu propio nome indica, foi convocado co obxectivo de “dar visibilidade ás mulleres que traballan no ámbito das TIC e potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e da tecnoloxía”. O Concello de Brión xa felicitou aos alumnos do IES que conseguiron chegar á final do concurso, cuxa resolución coñecerase o domingo 11 de febreiro na Universitat Pompeu Fabra.
O concurso, máis polo miúdo, consistía na creación dunha páxina web que describise a carreira de mulleres españolas contemporáneas que traballen no ámbito das novas tecnoloxías da información. O equipo brionés, composto por alumnado de TIC de primeiro curso de Bacharelato e de Educación Plástica, Visual e Audiovisual de cuarto da ESO, achegou dúas propostas: Mulleres tecnolóxicas e Mulleres TIC.
A representante do Concello encargada de felicitar aos estudantes foi a concelleira de Ensino, Yolanda Bouzas, quen tamén parabenizou ao profesorado do IES de Brión, “e non só por este este meritorio premio a nivel nacional, senón pola traxectoria que levan nos últimos meses acadando múltiples galardóns que demostran o gran nivel educativo que ten o noso instituto”. Ao fío disto, lembrou que hai uns días outros alumnos de segundo de Bacharelato foi premiado no concurso Na procura do talento dixital, organizado por Dico Summit 2017.
Mulleres tecnolóxicas é un proxecto colaborativo que busca coñecer e divulgar a mulleres contemporáneas españolas que son un referente nas TIC: Arantza Illarramendi Echave, Amparo Alonso Betanzos, Asunción Gómez Pérez, Lucía Chávarri Padilla, Marta Ibáñez Nobell e Nuria Oliver.
Pola súa banda, Mulleres TIC recolle as figuras de Belén Masía, Begoña García, Rosa Monge, Sabela Ramos e Clara Bayarri.
Segundo nos lembra o Concello de Brión, ámbalas páxinas son o produto dun proxecto interdisciplinar con alumnado de diferentes niveis que “pretende visualizar ás mulleres nas TIC”, enmarcado no programa Rapazas emprendedoras nas TIC do Plan Proxecta.
Canda o IES de Brión, tamén foron seleccionados como finalistas os equipos Alceda people, do IES Vega de Torzanzo (Alceda - Cantabria); Wisibigors, do IES Gorgs (Cerdanyola del Vallés – Barcelona); e MaristasAlicante2, do Sagrado Corazón HH. Maristas (Alacante). O vindeiro 11 de febreiro, coincidindo coa conmemoración do Día da Muller e da Nena na Ciencia, terá lugar a entrega de premios na Universitat Pompeu Fabra de Barcelona.

PUBLICIDADE