Estudantes do IES As Telleiras de Narón visitan a sede do CIS Tecnoloxía e Deseño

mércores, 31 de xaneiro do 2024 S. P.

Este 26 de xaneiro vinte estudantes de 1º de Bacharelato do IES As Telleiras de Narón, acompañados de dous dos seus profesores, participaron na primeira visita tecnolóxica ao centro CIS Tecnoloxía e Deseño, no Campus de Ferrol, neste ano 2024.
Durante a visita, que comezou cunha breve presentación do CIS, o alumnado puido visitar a Materioteca de Galicia, cunha explicación por parte dos responsábeis sobre as súas funcionalidades. Logo, despois de dividirse en dous grupos, visitaron o showroom e a sala de demostradores. Na primeira das estancias, o alumnado experimentou con diferentes dispositivos de Realidade Virtual (HTC Vive, Oculus Rift, Google Cardboard, etc.) así como de Realidade Aumentada con trebellos móbiles destinados ao mantemento e comercialización de equipos industriais.
Durante a visita aos demostradores os mozos visitaron o Centro de Experiencia Dixital de CESENA, Centro de Excelencia do Sector Naval de Siemens. Este espazo conta con diferentes equipos de RV a través dos cales puideron comprobar de forma inmersiva o deseño dun barco, a simulación da súa construción ou a formación de operadores en diferentes tarefas de fabricación ou mantemento de barcos. Tamén tiveron a oportunidade de probar virtualmente o proceso de pintura e vernizado cunha pistola pulverizadora desenvolvida polo CIS Tecnoloxía e Deseño no marco dun proxecto europeo.

PUBLICIDADE