Estudantes de Pedagoxía da USC lanzan unha ferramenta didáctica en galego para favorecer un uso saudábel das TIC

xoves, 14 de decembro do 2023 S. P.

No marco da materia Formación en Rede, un grupo de estudantes do 4º curso do Grao en Pedagoxía da Universidade de Santiago de Compostela elaborou un recurso didáctico transmedia en galego, destinado a nais e pais con infantes de 3 a 6 anos para fomentar unha relación saudábel coas tecnoloxías e contornas dixitais. Trátase do proxecto CO.DI: Mentes dixitais en crecemento, no que se tratan temáticas como a importancia do papel das familias no uso das tecnoloxías, as vantaxes dun bo uso destes medios e o establecemento de pautas e límites.
Segundo explica o grupo de estudantes, para o deseño e desenvolvemento deste proxecto realizouse unha investigación de campo e documental e nela participaron familias con crianzas das idades devanditas e seguíronse as recomendacións achegadas dende o Plan Digital Familiar da Asociación Española de Pediatría e dende a Guía de buenas prácticas para familias y docentes. Recomendaciones para el uso de la tecnología en Educación Infantil elaborada no marco do proxecto de investigación Infanci@ Digit@l.
As e os estudantes fan saber que neste estudo previo ao desenvolvemento de CODI, detectouse “a necesidade de formar ás nais e pais para que as súas fillas e fillos teñan un bo exemplo a seguir”.
O recurso estrutúrase en capítulos textuais con imaxes e complementados con infografías, documentos, vídeos e actividades noutras plataformas. Estes capítulos contan historias independentes que xiran ao redor dunha personaxe que dá nome ao recurso, CODI, un pequeno robot que serve de guía ás familias no bo uso das tecnoloxías dixitais.
Ademais, este proxecto conta cunha conta de Instagram na cal preséntanse os diferentes elementos que completan as historias, e na que se convida ás familias a que compartan a súa opinión e participen nas actividades alí recollidas. “Grazas a esta participación e á actualización dos contidos”, explican dende o grupo de estudantes de Pedagoxía, “o recurso adaptaríase á retroalimentación recibida”.

PUBLICIDADE