Estudantes da UVigo recollen ordenadores solidarios para familias con poucos recursos

xoves, 15 de abril do 2021 S. P.

As situacións extremas sacan o mellor e o peor das persoas, sabémolo ben nestes tempos nos que nos toca convivir cunha pandemia que non só ataca á saúde senón tamén á estabilidade social. Partindo disto a asociación estudantil IEEE Uvigo Student Branch, na que se atopan estudantes das diferentes titulacións de enxeñaría que se imparten na Universidade de Vigo, vén de anunciar unha proposta solidaria de recollida de ordenadores, equipos que eles mesmos disporán nun espazo cedido pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación coa idea de repartilos entre as familias con menos recursos.
Segundo sinala o vicepresidente de IEEE UVigo Mateo Cid, estudante de mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación: “A iniciativa xurdiu a partir dun proxecto semellante que desenvolve a ONG Enxeñeiros Sen Fronteiras na Coruña coa ONG Ecos do Sur; a nosa idea é facer o proxecto equivalente pero desta volta en Vigo, que é onde se localiza a nosa asociación”, ao que engadiu que, “se todo sae ben, a idea é prolongar esta campaña no tempo, polo que estamos abertos a calquera doazón a longo prazo a través do formulario".
Cómpre subliñar que se recolle todo tipo de material informático, tanto de particulares como de empresas. Máis polo miúdo, amais de computadores (tanto portátiles como de sobremesa), poderá entregarse todo tipo de material informático: monitores, teclados, ratos, fíos de conexión, discos duros, memorias... “Tentaremos aproveitar todo ao máximo”, salienta Cid, quen adianta que, malia que a iniciativa acaba de pórse en marcha, dende o Consorcio da Zona Franca xa lle doaron catro ordenadores que recollerán mañá venres e tamén comezan a chegar doazóns de particulares. O único requisito imprescindible para doar é completar un formulario, no que fica rexistrado o correo electrónico da persoa doante e a través do cal se porán en contacto con ela no intre da recollida.
Os membros voluntarios do IEEE UVigo serán os encargados de limpar estes equipos a fondo e instalarlles un set de aplicacións de software libre, para que o equipo poida empregarse desde o primeiro día en que se realice a entrega. Unha vez arranxados e equipados serán entregados á ONG Accem, que será a encargada de darllos ás familias en risco de exclusión ás que axuda.

PUBLICIDADE