Estudantes da ESEI de Ourense visitan o CESGA

mércores, 13 de abril do 2016 Redacción

O pasado luns 11 de abril 35 estudantes de grao e mestrado da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense achegábanse até as instalacións do CESGA (Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia) en Santiago de Compostela co gallo de coñecer de preto todo o ensarillado que supón o centro de cálculo de referencia en Galicia, declarado Infraestrutura Científico Tecnolóxica Singular de España. A visita ao CESGA xorde no contexto da materia Computación distribuída e de altas prestacións, do Mestrado en Enxeñaría Informática que se imparte no centro ourensán.
“Foi unha visita moi interesante. Puidemos coñecer as súas instalacións e servizos, falar da posibilidade de prácticas extracurriculares e de colaboracións relacionadas con traballos fin de mestrado dos estudantes, amosando dende o CESGA toda a súa dispoñibilidade”, apuntou Leandro Rodríguez, o docente promotor da actividade.
E volvendo ao percorrido polo CESGA, dicir que se dividiu en dous grupos que tiveron a oportunidade de escoitar as explicacións de Javier García Tobío, director-xerente da Fundación CESGA, e de técnicos das áreas de proxectos, comunicacións e sistemas, que contaron polo miúdo todo o relacionado cos servizos que presta este centro ao seus usuarios. “O alumnado tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as aplicacións prácticas de investigación que teñen as altas prestacións e os servizos que dá o CESGA a empresas e institucións”, comentou o docente. A visita permitiulle aos estudantes ver as infraestruturas dispoñíbeis, como os supercomputadores e os sistemas de protección e mantemento, entre outros equipos.
Para facérmonos unha idea da importancia da Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia, cómpre sinalar que estamos perante un centro de cálculo, comunicacións de altas prestacións e servizos avanzados, estando as súas infraestruturas encamiñadas a achegar grandes potencias de cálculo computacional en contornas científico-tecnolóxicas por medio de diferentes arquitecturas, así como permitir á comunidade científica galega acceder ás redes académico-científicas estatais e internacionais por medio de grandes anchos de banda.
Engadir, por último, que a visita realizada polos estudantes da Escola Superior de Enxeñaría Informática ao CESGA, era a primeira pero dado o seu interese para a formación do alumnado, os seus promotores agardan repetila o vindeiro curso académico.

PUBLICIDADE