Estrella Galicia, pioneira na implantación de chips nas súas billas

mércores, 24 de xaneiro do 2007 Raquel Noya

“O ben feito ben parece”, ese dito galego que viñamos empregando en casos nos que non importa o tempo que nos leve sempre e cando a tarefa en cuestión quede ben feita, semella que deixará de ter a importancia que se merece na empresa galega de cervexa, Estrella Galicia. Como sinala Vieiros, semella ciencia ficción pero non o é: milleiros de miúdos microchips RFID introducíronse na nosa terra a través das súas billas co fin de controlar a rendibilidade das mesmas e para que a compañía poida saber, por exemplo, o tempo que tarda un instalador en colocar un novo aparello expendedor. Estes chips de radiofrecuencia emiten unha sinal coa identidade da billa á que pertencen para que a central de datos reciba a información a distancia e elabore os informes oportunos. Nos devanditos informes figuran datos como o tempo que se emprega en reparar un grifo, o que se dedica á súa instalación ou cada canto se estraga.
Deste xeito, os trebellos achegan información transcendental para os bebedores de cervexa, que verán melloradas de xeito considerable as condicións do servizo. Útil ou non, o caso é que esta tecnoloxía, no caso de que evolucione e teña meirande alcance, poderase empregar noutros eidos e os chips acabarían por substituír ós códigos de barras dos produtos que mercamos decote. Grazas a eles, os interesados en coñecer o tipo de consumo que facemos recibirán directamente información privilexiada e actuarán en consecuencia (se cadra amolándonos ben con publicidade personalizada), algo que xa non resulta inverosímil, dadas as circunstancias. Estrella Galicia argumenta na súa defensa que o sistema RFID non prexudica a privacidade dos donos dos bares e que tan só lle serve para axilizar e facilitar o traballo de anotar os rexistros das billas a man.

PUBLICIDADE