Estréase Lively, o Second Life de Google

mércores, 9 de xullo do 2008 Marcus Fernández

A Second Life acaba de aparecerlle un duro competidor, pois Google vén de anunciar Lively, unha plataforma para a creación de espazos tridimensionais virtuais nos que avatares creados polos usuarios poden interaccionar en tempo real e que funciona a través dun engadido para os navegadores Internet Explorer e Firefox (só baixo Windows XP e Vista).
Un dos puntos fortes deste novo servizo é que se pode integrar en páxinas web e blogs, non executándose a través dunha aplicación externa coma Second Life, e polo momento dá total liberdade aos usuarios para personalizar os seus personaxes e crear os seus propios contornos 3D nos que atoparse co outras persoas a través das súas representacións virtuais para poder chatear.


Vídeo oficial de presentación de Lively

Cómpre destacar que a interacción entre os personaxes tridimensionais non se limitará ao intercambio de mensaxes de texto, de xeito que poden darse apertas, rir, bailar ou mesmo chocar os cinco.
Os laboratorios de Google traballaron coa Universidade do Estado de Arizona para a creación desta nova plataforma, e grazas aos comentarios dos estudantes de tal Universidade desenvolveron funcións coma permitir a visualización de vídeos de YouTube en televisores virtuais ou amosar fotografías en marcos virtuais sitos nas habitacións.

PUBLICIDADE