Estiman que as apps xeraron 466.100 postos de traballo nos EE.UU.

mércores, 8 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Comparación do sector das apps co resto de ámbitos do desenvolvemento de software

Un estudo (descargable en formato PDF) dirixido por TechNet por Michael Mandel, presidente de South Mountain Economics, analizou o estado da industria que naceu ao redor das aplicacións móbiles, estimando que dende a chegada do iPhone en 2007 creáronse uns 466.100 postos de traballo nos EE.UU.
Estamos así ante un fenómeno realmente abraiante, por ser unha industria que practicamente xurdiu da nada, e que no informe aseguran que está centrado en poucas plataformas: Android (Google), iOS (Apple), BlackBerry (RIM), Windows Phone (Microsoft) e tamén nas aplicacións de Facebook (que aínda que non son móbiles, formarían parte do mesmo mercado, por coincidir en grande medida ao fenómenos das aplicacións). De feito, só a App Store de Apple superou o medio millón de aplicacións activas remitidas por máis de 100.000 editores e, de queremos pór en cifras o negocio das apps, podería ter xerado uns 20.000 millóns de dólares en 2011 en descargas e compras dentro das aplicacións (tanto de bens virtuais coma de produtos ou servizos reais).
Para ilustrar se este sector emerxente é realmente importante, Mandel contrastou o seu volume co outros ámbitos do desenvolvemento de software, superando ao dos editores de software tradicionais e quedando aínda por detrás da programación a medida. A cantidade que figura en tal táboa sería a correspondente a empregos directos (310.800) mentres que os 466.100 postos de traballo que sostén o informe de TechNet corresponderían ao impacto total desta nova economía.