Este xoves probarase o sistema de alertas de Protección Civil en Galicia

martes, 25 de outubro do 2022 Marcus Fernández

O Ministerio do Interior, a través da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias, está a realizar as probas correspondentes para verificar o funcionamento do protocolo ES-Alert para enviar alertas á poboación que se atope nunha zona afectada por emerxencias ou catástrofes inminentes. É un sistema tamén coñecido como 112 inverso.
Previuse un calendario de probas nas diferentes comunidades autónomas que o vindeiro día 27 afectará a Estremadura, Comunidade Valenciana e Galicia. Os centros de resposta a emerxencias, en coordinación co Centro Nacional de Seguimento e Coordinación Emerxencias do Ministerio do Interior, enviarán mensaxes simuladas alertando dun risco de protección civil e un asubío (aínda que o móbil estea silenciado ou en modo non molestar), acompañado de vibración, nos teléfonos móbiles alertará da recepción da mensaxe.
A alerta non desaparecerá do teléfono até que o usuario lea o contido, asegurando así que os destinatarios len o contido da mensaxe. Nesta ocasión a mensaxe que recibirán algúns smartphones galegos incluirá a palabra PRUEBA, asegurando que se trata dun ensaio do sistema, e unicamente haberá que premer no botón de aceptar para que a alerta desapareza da pantalla do dispositivo.
O sistema ES-Alert foi despregado o pasado 21 de xuño, e é froito da colaboración entre os Ministerios do Interior e de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, sendo financiado con fondos de recuperación e resiliencia.
Esta tecnoloxía, que se pon ao dispor das autoridades de protección civil de ámbito estatal e autonómico, suma unha nova ferramenta de alertas á poboación ás que xa conta o Sistema Nacional de Protección Civil.

PUBLICIDADE