Este xoves comezan as xornadas profesionais da Maker Faire Galicia

martes, 2 de xullo do 2019 Redacción

Este xoves 3 de xullo comeza en Santiago a máis importante cita argalleira da nosa terra e unha das máis relevantes a nivel europeo: a Maker Faire Galicia, quinta edición. A feira, que se estenderá durante cinco días (coas tres primeiras xornadas especificamente dirixidas ao para público profesional e as dúas últimas abertas a todos os públicos), celebraranse no edificio CINC da Cidade da Cultura. Organizan VermisProject, o Concello de Santiago (Compostela Móvese) e a Fundación Cidade da Cultura.
Durante os tres días profesionais haberá charlas e mesas redondas onde se tratarán temas tan de actualidade como a robótica, a ciberseguridade, o Open Data, a enerxía, a mobilidade ou a Intelixencia Artificial. Serán, en total, tres temáticas por día. Participarán empresas como Iberdrola, Repsol, Cellnex ou Siemens; e empresas galegas de recoñecido prestixio como FINSA, Plexus, Televés, Kaleido ou Alén Space, que presentarán os seus proxectos.
Na xornada do venres desvelaranse os 3 mellores proxectos makers profesionais, que competirán por ese primeiro posto ante un xurado de expertos. Finalmente rematará cun xantar networking no que se fomentará o intercambio de opinións entre os asistentes e os relatores. As xornadas organízanse en colaboración con APD, a Xunta de Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Círculo Financieiro de Galicia e se enmarcan dentro do Proxecto Capacita Directivos.
Xornadas Abertas
As xornadas abertas a todos os públicos celebraranse os días 6 e 7 de xullo. Durante toda a fin de semana no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, de 10 da mañá a 8 da tarde, nenos, adultos e maiores poderán gozar de numerosas charlas e actividades para todos os gustos.
Entre os relatores destaca a figura de Soledad Ayuso, unha avoa maker que imprime todo o que se imaxina en 3D, desmitificando a idade como un factor limitador para converternos en argalleiras e argalleiros de tecnoloxía. O programa compleméntase coas charlas autoorganizadas sobre tecnoloxía que xestionan desde Compostela Tech e na parte máis científica os rapaces e rapazas de UDC Big Bang falarán sobre o 150 aniversario da táboa periódica.
No tocante ás actividades e obradoiros que se desenvolverán durante a feira o abano temático é ben amplo: pilotaxe de drons, creación de microscopios caseiros, mistura de papiroflexia e electrónica, Arduino, programación…
E outra das actividades con maior participación será a Hebocon, unha competición de robots absurdos que na pasada edición captou a atención de pequenos e maiores e na que este ano animamos a todos a participar e axudarnos a convertela na maior Hebocon de España.

PUBLICIDADE