Este xoves bota a camiñar a Aula de Dinamización de Castrelo de Miño

martes, 8 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información segue adiante coa posta en marcha paulatina dos diferentes puntos de acceso e formación que a integran. Esta semana é a quenda da Aula de Dinamización de Castrelo de Miño (Ourense), que abrirá o seu programa de actividades este xoves 10 de abril ás 19.00 horas ( para desenvolverse logo co seguinte horario: de luns a venres de 12 a 14.00 horas e de 16 a 21.00 horas. O principais obxectivo deste punto de acceso (que máis que un simple punto de conexión é un espazo de formación sobre as utilidades e vantaxes da Internet) é contribuír na medida do posible a estreitar a fenda dixital, o baleiro informativo que separa xa a quen se conecta de quen non.
Asemade, ó igual cós restantes centros de acceso da devandita Rede, o de Castrelo de Miño vai encamiñado a poñer as redes do coñecemento ó alcance das empresas do concello. A aula en liña desta localidade do Ribeiro está situada no primeiro andar do Complexo de Turismo Náutico, na Avenida Alejandro Ferrer. Para máis información sobre as actividades que se van desenvolver nela, dende a aula dáse o seguinte teléfono: 664 477 124. No blog do Concello poderemos atopar, asemade, todo tipo de datos sobre os obradoiros, os cursos ou os proxectos vinculados á Rede que se poñan en marcha a curto, medio e longo prazo.

PUBLICIDADE