Este verán contaremos cun visor dixital con máis de medio cento de rutas ciclistas galegas

venres, 3 de xuño do 2022 Redacción

A Xunta de Galicia activará a mediados deste verán un novo visor dixital con máis de medio cento de rutas ciclistas por toda a Comunidade, perfectamente cartografadas e en formato descargable para facilitar a súa consulta desde diferentes dispositivos electrónicos, tal e como anunciou esta mañá en Sober a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que coincidindo coa celebración do Día Mundial da Bicicleta participou na presentación da aplicación e realizou un percorrido en bicicleta pola zona, acompañada polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, polo alcalde, Luis Fernández, e polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador.
O paseo discorreu ao longo dun pequeno tramo polos miradoiros do Boqueiriño e da Cividade, na contorna da igrexa de Santa María de Bolmente, que forma parte, precisamente, dun dos itinerarios ciclistas que se incorporarán nunha primeira fase ao visor A paisaxe de Galicia desde a bicicleta.
En total, serán 52 os itinerarios (cunha extensión de 2.312 km) cos que o IET estreará a nova ferramenta este verán, aínda que a idea é que se vaian incorporando máis. Todas as rutas foron escollidas polo seu valor paisaxístico, pola seguridade e por ser aptas para circular en bicicleta nun grao alto; de feito, un dos criterios de selección foi que menos dun 25% do percorrido sexan estradas.
O visor dixital que está a ultimar a Xunta, porá á disposición dos cidadáns unha ferramenta «útil e moi completa» para facilitarlles a posibilidade de coñecer Galicia e a súa paisaxe desde a bicicleta, dunha forma diferente, saudable e sustentable. De feito, salientou que Galicia conta con moitos afeccionados a este deporte, grazas ás óptimas condicións naturais que ofrece para a súa práctica.
Todas as rutas están a ser compiladas pola Xunta nunha aplicación web a modo de visor coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo e da empresa do sector turístico Sherpa Project.
Neste sentido, o coordinador do proxecto, Guti Martín, de Sherpa Project, e o presidente da Federación, Juan Carlos Muñiz, explicaron que grazas a esta nova ferramenta dixital poderanse ver as rutas en detalle e planificalas de forma axeitada. Ademais, porase á disposición do usuario unha ficha individual que recollerá os datos máis relevantes e poderá descargarse en formato PDF.
Estas fichas incluirán unha ampla información do itinerario como fotos, mapas, nivel de dificultade (familiar, media e experto), perfís do terreo e, de maneira moi singular, a situación dos miradoiros e lugares cun alto valor paisaxístico.
Tamén incorporarán un código QR que redirixirá ao usuario a Wikiloc, unha aplicación de balde e moi estendida entre os ciclistas en todo o mundo, e a plataforma estará preparada para que se poida descargar e gardar o percorrido de cada ruta en diferentes dispositivos electrónicos, como GPS, reloxos intelixentes e móbiles.
Ata o momento o IET destinou xa 32.000 euros á recollida de datos, o seu tratamento e a posterior comprobación das rutas de maneira presencial, realizando en bicicleta os percorridos que hoxe se presentan e que formarán parte da base de datos do futuro visor. Ademais, estímase que o mantemento das rutas para garantir que estean en condicións axeitadas para a circulación suporá un investimento de 150.000 euros ao ano.

PUBLICIDADE