Este verán Vodafone regala audiolibros aos seus clientes

mércores, 15 de xuño do 2022 Marcus Fernández

De cara ao verán as compañías de telecomunicacións lanzan numerosas promocións para reter clientes, que consisten habitualmente en incrementar o volume de datos móbiles contratados, pero agora que moitos consumidores teñen tarifas con datos ilimitados a estratexia de fidelización ten que mudar un chisco e así podemos ver como Vodafone España dende hoxe e até o 31 de agosto regala aos seus clientes de contrato 3 audiolibros ou podcasts dun catálogo cos mellores títulos de Audible que poderán gozar indefinidamente. No caso de ter unha tarifa ilimitada, os usuarios poderán gozar de balde de 4 meses de subscrición ao servizo de Audible, o que resulta especialmente de agradecer no tempo estival.
Para gozar dos audiolibros de agasallo os clientes da operadora teñen que entrar na aplicación de Mi Vodafone e premer no banner da promoción para elixir logo os 3 títulos que desexen e que incorporaranse á súa colección de contidos de Audible (á que pode acceder coa súa conta de Amazon). Entre os audiolibros a elixir figuran obras como Alicia en el país de las maravillas (coa voz de Michelle Jenner), Drácula (narrado por José Coronado), El Gran Gatsby (narrado por Joan Mora), El extraño caso de Doctor Jekyll y Mr. Hide (coa voz de Imanol Arias) e Guerras de Negocios – Marvel vs. DC (narrado por Eduardo Dale Albornoz).

PUBLICIDADE