Este sábado comeza a actividade de XeoPesca para a construción dun OpenROV mergullábel

mércores, 2 de setembro do 2015 Redacción

A partir deste sábado 5 de setembro teremos na nosa terra unha boa oportunidade de ver, comprobar e (tamén) aprender como se monta un robot de investigación acuática e mariña botando man de hardware e software libre. Isto será posíbel grazas á iniciativa XeoPesca, que comeza a celebrar na Estrada, a partir das 10.30 horas, un HackLab de Montaxe dun OpenROV. A actividade, que comeza á devandita hora diante da casa do concello (hora fixada de comezo da quedada) e terá continuidade en vindeiras sesións, responde a un compromiso firme de XeoPesca, segundo nos contan os seus responsábeis, a prol de tirar proveito das tecnoloxías abertas en materia de robótica e intelixencia artificial e das moitas liñas de evolución que están a permitir: robots, impresoras 3D, consolas intelixentes. A inscrición na actividade pódese levar a cabo en liña.
Como dixemos, a HackLab da Estrada artellarase en varias sesións de traballo, a desenvolver no mesmo concello pontevedrés, e rematará coa montaxe dun robot mergullábel para o uso das usuarias e usuarios de XeoPesca. "A idea”, cóntanos Pablo Belay de XeoPesca, “é a de crear un grupo de traballo cooperativo de carácter aberto e fomentando a aprendizaxe autónoma e colaborativa de tódolos membros”.
Polo que respecta ao OpenROV, Pablo lémbranos que se trata “dun dron submarino que forma parte dunha nova tendencia chamada DIY (“Do it your self”, ou sexa “Faino ti mesmo”) que se basea no emprego de compoñentes de licenza aberta.
Recordar tamén que un ROV é, polas súas siglas, un Remotely Operated Vehicle, ou sexa, un vehículo submarino controlado a distancia cuxa primeira feitura foi creada por dous amigos californianos, Eric Stackpole e David Lang, que tiraron proveito de Kickstarter para sacar adiante o seu proxecto de dispositivo. Este, máis en detalle, pódese manexar dende un PC portátil e inclúe unha cámara HD e unha tecnoloxía que lle permite chegar a cen metros de profundidade.
O OpenROV (Open Source Remote Operated Vehicle), pola súa banda, é unha idea colectiva dunha comunidade de usuarios e desenvolvedores de robots teleguiados con tecnoloxías abertas. Segundo nos conta Pablo Belay, os planos do aparello, as instrucións, así como o software baseado en GNU/Linux, están dispoñíbeis de balde para descargalos no sitiowiki do proxecto.

PUBLICIDADE