Este sábado celébrase en Santiago a edición galega da conferencia NetCoreConf
luns, 23 de setembro do 2019
Esta
fin de semana, o sábado 28, vaise celebrar na nosa terra a
conferencia tecnolóxica NetCoreConf, a edición galega das
xuntanzas do mesmo nome, dirixidas a estreitar as ligazóns de
confraternidade e colaboración entre os membros da comunidade
técnica arredor do novo framework de Microsoft, NetCore. O
obxectivo destas xeiras de traballo é achegar solucións sobre as
últimas tecnoloxías a través de charlas técnicas e obradoiros,
poñendo o foco no marco de traballo da multinacional de Windows.
Tralo
éxito acadado na cidade de Barcelona, a comunidade deu o chimpo á
nosa terra e o seu próximo evento será como dixemos este 28 de
setembro de 2019, no Centro Socio Cultural de Santa Marta de Santiago
de Compostela. Trátase, en palabras da organización, “dun evento
a nivel estatal adicado exclusivamente ao sector do desenvolvemento e
consultoría e que busca descubrir e dar a coñecer as novas
tecnoloxías de vangarda e crear vencellos estratéxicos que xeren
sinerxías conxuntas entre os profesionais do sector, empresas e
institucións”.
Na
cita participarán membros do sector TIC de Barcelona e Galicia,
unindo lazos e intercambiando experiencias e achados. A xornada será
de acceso totalmente gratuíto, apoiada por diferentes empresas e
asociacións, co fin de achegar a tecnoloxía e últimas tendencias
do desenvolvemento de software ao interese común de todo o sector da
nosa terra e de toda a Comunidade por enteiro.
Esta
edición acollerá a máis de 150 asistentes entre profesionais do
sector, estudantes e emprendedores. Trátase, en palabras da
organización, “dunha oportunidade única de ver a relatores de
referencia nacional en Galicia”. O programa incluíra 21 relatorios
divididos en 3 recantos de traballo en rede. As principais temáticas
serán tecnoloxía, desenvolvemento de software e solucións ás
novas tendencias en materia de desenvolvemento web, desenvolvemento
de aplicacións, computación na nube, análise de información a
gran escala (Big Data), Intelixencia Artificial (IA), Internet
of Things (IoT), DevOps, cultura de empresa, metodoloxías, etc...