Este mediodía lánzase a nova páxina web da CRTVG

mércores, 13 de xullo do 2011 Redacción

A nova páxina web da CRTVG é accesible a través de dispositivos móbiles

Quince anos despois do seu lanzamento na Rede, a páxina web da Compañía de Radio-Televisión de Galicia estrea hoxe novo deseño, seccións e contidos. A web pretende ser o principal destino de actualidade informativa en galego e da difusión dos produtos da radio e televisión de Galicia nun formato multisoporte que permitirá que os informativos da TVG e da Radio Galega estea accesibles dende dispositivos móbiles (como smartphones e tablets).
Xunto a unha imaxe unificada e seccións diferenciadas, o máis novo da nova etapa é a maior participación dos espectadores e dos oíntes. Baseada na chamada social media, a nova páxina web potencia considerablemente a colaboración cidadá, incluíndo non só as emisións en directo da radio e televisión, as canles de mensaxeira e a posibilidade de ver e escoitar en diferido as emisións dos medios públicos galegos.
A nova páxina web presentarase a partir das 12.00 horas no estudio 5 da Televisión de Galicia, nun acto que conducirá a xornalista Beatriz Manjón e se transmitirá en directo pola web. A presentación, en que intervirán o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo; e a xefa de Innovación e Novas Canles, Esther Medina, contará tamén coa participación do presidente de Circom Regional -a asociación de televisións rexionais públicas europeas-, Michael Lally; e de membros da comunidade galega no exterior. Ademais, a cantante de rap Aíd estreará o tema Apréndeo, creado para a campaña de comunicación da CRTVG A calquera hora.
No transcurso do acto tamén se entregará o premio do concurso CRTVG busca... reporteiros, posto en marcha a través da páxina web para achegarlles aos usuarios os seus contidos e ofrecerlles a posibilidade de contar unha historia como reporteiros. A gañadora do concurso foi Janet Vázquez Estévez, coa reportaxe Unha mañá coa Revista, que fai referencia ao programa matinal da Televisión de Galicia.

PUBLICIDADE