Este martes toca resintonizar os receptores de TDT

martes, 1 de marzo do 2011 Redacción

Tal e como avanzamos hai unhas semanas nesta web, a sintonización da Televisión Dixital Terrestre non é (en contra do que poidamos pensar) unha cousa permanente á que non haxa que tocarlle nunca máis na vida. Cada pouco aparecen novas canles e os receptores soen precisar axuda nas súas procuras. A isto hai que engadir os cambios que o propio Goberno pon en xogo para ampliar e mellorar o espectro. Sen ir máis lonxe, este martes 1 de marzo amencimos coa necesidade de facer un novo varrido nestes trebellos receptores, condición indispensable para ver tódalas canles dispoñibles de TDT.
Como dixemos, isto débese a que este primeiro de mes é a data límite para que determinados operadores se muden dos múltiplex dos que facían uso até o de agora a outros novos. O proceso forma parte do proceso de liberalización do dividendo dixital, un labor posto en marcha para ampliar parte do espectro radioeléctrico. O bo de todo isto é que non teremos que tocar ou reorientar as antenas, xa que as canles múltiples dixitais (múltiplex) ás que se trasladan as televisións xa son de uso común: a 67, a 68 e a 69.
Os cambios obrigan ao cambio de frecuencia dun total de seis canles: Teledeporte, Intereconomía, Veo 7, AXN, Gol Televisión, Canal+2 e algunhas locais. Deste xeito, as cadeas deixan de emitir na frecuencia dos 800 MHz, aínda que polo momento só se trata dunha primeira fase que deberá completarse antes do verán.
Como se dixo, na maioría dos fogares será necesaria unha simple resintonización dos descodificadores e non haberá que chamar ó instalador para seguir vendo programación como agora, aínda que podería darse algún caso puntual para Teledeporte, que requiriría adaptar a antena colectiva.
Estes cambios progresivos responden á decisión da Unión Europea para optimizar e flexibiliza-lo espectro radioeléctrico. En 2015 espérase que tódalas canles da TDT desaloxen as frecuencias que empregan arestora e este espectro sexa utilizado polas novas redes de telecomunicacións, especialmente de telefonía e banda ancha móbil. No caso de España, como aconteceu hai un ano co apagamento analóxico, adiantáronse os prazos respecto aos fixados por Bruxelas.
Aínda que polo de agora abonda coa devandita resintonización dos descodificadores, cando se leve a cabo o novo apagamento, previsto polo Goberno para 2013, si será precisa unha readaptación das instalacións de recepción de televisión nos edificios, que volverá a supor un desembolso duns 1.000 millóns de euros, que correrá a cargo do Estado.

PUBLICIDADE