Este martes entréganse os primeiros premios escolares #DígochoEu

luns, 13 de xuño do 2022 Redacción

O #DígochoEu da CRTVG celebra mañá na Cidade da Cultura de Santiago a súa grande festa de fin de curso na que daranse a coñecer os gañadores da primeira edición do Premio #DígochoEu entre os dez finalistas deste concurso de vídeos en galego que recibiu preto de 200 propostas de centros de educación Primaria e Secundaria de toda Galicia.
O acto estará conducido polos xornalistas Esther Estévez e Carlos Amado. O primeiro premio, o #Dígocho de Ouro, está dotado con 2.000 euros, o #DígochoEu de Prata con 1.000 euros, e o #DígochoEu de bronce, con 500 euros, todos os premios son para os centros escolares. Ademais, entregarase un premio especial do xurado, ao que concorre outra ducia de colexios que, aínda que non son finalistas, presentaron as súas propostas. Nos premios, a CRTVG conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e de Gadis.
A gala reunirá preto de 500 nenos e nenas de toda Galicia e nela actuará o grupo galego de rock Monoulious DOP. A partir das 18:30 horas poderase seguir por YouTube e pola páxina web da CRTVG. Ademais, os espazos televisivos Quen anda aí e Fun polo aire farán conexións en directo co evento.
As dez propostas de vídeos que chegan a esta final son proxectos 100% orixinais e moi diferentes entre si. Os finalistas son os traballos enviados polos centros IES San Rosendo de Mondoñedo, IES Pino Manso de O Porriño, IES Pedra da Auga de Ponteareas, IES Virxe do Mar de Noia, IES Félix Muriel de Rianxo, CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos, CEIP S. Clemente de César de Caldas, CEIP Antonio Fernández López de Sarria, IES Rego de Trabe de Culleredo e o IES Número 1 de O Carballiño.
O xurado desta primeira edición dos Premios #DígochoEu está composto por Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, o actor Adrián Castiñeiras e a coñecida tiktokeira e colaboradora da TVG, Laura Franco.

Esther Estévez conducirá a entrega de premios acompañada por Carlos F. Amado

PUBLICIDADE