Este 24 de setembro abre a súas portas a nova edición da feira de emprendemento Pont-Up Store

xoves, 23 de setembro do 2021 S. P.

Este venres 24 de setembro ás 11,15 horas inaugúrase o Espazo de Emprendemento Pont-Up Store 2021, promovido polo Campus Crea de Pontevedra (UVigo) coa axuda do Concello de Pontevedra, como patrocinador principal; e o apoio da Deputación. O acto terá lugar no espazo central da carpa instalada na praza de España de Pontevedra. Intervirán Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde do Concello de Pontevedra, Pedro Figueroa Dorrego, director do Pont-Up Store, Jorge Soto Carballo, vicerreitor do Campus, Manuel González Martínez, deputado provincial e María del Carmen Fernández Pena, directora territorial de Pontevedra de Abanca.
Ao finalizar as intervencións, realizarase unha presentación do dixital_pontup, iniciativa virtual desenvolvida pola empresa Xeométrica (grupo Cotarena). De 11:45 a 12:30 horas as autoridades farán unha visita institucional ao recinto da feira de emprendemento e innovación Pont-Up Store, cuxo programa de actividades estenderase até o sábado mostrando propostas que non puideron darse a coñecer debidamente na pasada edición e outra ducia de emprendementos a maiores que tiveron afouteza de iniciar a súa andaina en plena crise pandémica.
En total amosarán os seus achados 40 empresas que destacan pola innovación e a creatividade das súas propostas; o que se acompañará dunha completa programación de actividades (presentacións, obradoiros, demostracións, charlas) arredor da cultura emprendedora e, por primeira vez, un espazo virtual denominado dixital_pontup, que “permitirá vivir o encontro e acceder aos stands de xeito en liña, e que continuará activo máis alá do evento”, informaron os participantes na presentación celebrada este martes 21.

PUBLICIDADE