Este 15 de xuño pecha o prazo para presentar series ao oitavo Carballo Interplay

martes, 8 de xuño do 2021 S. P.

A oitava edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebra de xeito cen por cen online entre o 8 e o 11 de setembro deste ano, pecha este 15 de xuño o prazo para a presentación de series. Segundo confirmou a responsábel de Interplay Producións, Sonia Méndez (organizadora do certame xunto co Concello de Carballo), nesta convocatoria repartiranse 6.600 euros en premios. Tamén lembrou que quen queira inscribirse no festival, aínda está a tempo para facelo (até o día 15) a través da web do Carballo Interplay.
Para participar na Sección Oficial a concurso, as series deben ser producidas entre os anos 2017 e 2020 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, pero poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou de animación, nacionais ou internacionais. Entre as propostas recibidas, un xurado composto por profesionais do sector audiovisual e da cultura premiará a mellor serie estatal, a mellor serie internacional e a mellor serie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría. As escollas do xurado novo e máis do público levarán 400 euros e trofeo, cada unha.
O Carballo Interplay conserva ademais, na súa oitava edición, a dotación económica de 3.000 euros para o premio a proxecto de webserie en galego. A data límite de presentación de propostas é o 31 de xullo de 2021 e os proxectos deben ser creacións audiovisuais propias e orixinais, pensadas para seren publicadas e difundidas a través de internet e mediante capítulos, episodios ou partes (como mínimo tres), pero poden ser de imaxe real, animación, stop motion ou técnica combinada.

PUBLICIDADE