Estafan 160.000 euros a unha veciña de Boiro en compras nunha web de segunda man

venres, 11 de agosto do 2023 S. P.

A Garda Civil da Coruña investigou a cinco persoas como supostos autores dun delito de estafa, outro de branqueo de capitais e un terceiro de pertenza a grupo criminal na fase de explotación da operación Grubulus, que se iniciou por mor da denuncia interposta por unha veciña de Boiro na que indicaba a existencia de transferencias non autorizadas na súa conta bancaria por un importe total de 160.000 euros.
Unha vez constada a veracidade dos feitos, o modus operandi da estafa consistía en ofrecer produtos a través de páxinas de compravenda de segunda man na internet.
Os investigados procedían posteriormente a enviar diversos códigos ao teléfono da vítima simulando a recepción do pago. A mensaxe contiña unha ligazón a unha pasarela de pago maliciosa a través do cal obtiñan desta forma as claves de usuario, así como a autorización da plataforma da entidade bancaria da vítima.
Unha vez completado este paso, realizaban transferencias desde a conta sen autorización, distribuíndo os importes das mesmas entre diversas contas do grupo co obxectivo de fragmentar os importes en multitude de transferencia. Froito do traballo de campo realizado, lograron a identificación dos presuntos autores do ilícito, veciños da Coruña, Alacante, Valencia e Xirona, así como a recuperación de 23.000 euros. Os investigados foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución nº1 de Padrón.

PUBLICIDADE