Esta semana abre as súas portas o Museo Interactivo da Historia de Lugo

mércores, 21 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Este xoves formalízase a inauguración oficial e definitiva dun espazo de lecer e divulgación galego que nos colle de preto en Código Cero, non tanto polos contidos que achega, aínda que tamén, como polos formatos e feituras elixidas. Falamos do Museo Interactivo da Historia de Lugo, o MIHL, unha das grandes apostas da cidade en materia de difusión do coñecemento e de convocatoria creativa e innovadora para a cidadanía. O museo, que incluíu un orzamento de 10 millóns de euros, está emprazado no parque de Frigsa, onde xa mesmo antes da súa apertura foi obxecto de varios recoñecementos do plano internacional pola orixinalidade da proposta dos arquitectos Nieto-Sobejano.
O recinto, algo máis que un continente ou receptáculo de obras e exposicións, estará aberto tódalas tardes. De feito, achégase como un todo o edificio e a contorna-parque na que se insire e na que subxace (unha parte do museo está soterrado baixo o parque da Milagrosa). O museo abrirá as súas portas este xoves cunha mostra colectiva de arte contemporánea galega. Segundo informa o Concello de Lugo, impulsor do proxecto, estamos ante unha iniciativa innovadora dende tódolos puntos de vista: no que atinxe ao plano arquitectónico e no que se refire á súa vertente puramente museográfica (primarán as novas tecnoloxías da información e o coñecemento como materia prima e discurso, o que suporá que sexa un edificio pioneiro en Europa). O museo conta con locais para exposicións temporais, salón de actos, biblioteca, ademais de café, tenda, administración, etc. “É de salientar”, engade o Concello, “que o sistema enerxético do edificio farase por medio de caldeiras de biomasa, o que evita o emprego de enerxías non renovables e favorece a súa sustentabilidade”. O deseño do museo, por certo, está inspirado na Muralla, simulando unha paisaxe vexetal con torreóns.

PUBLICIDADE