Esquire celebrará o seu 75 aniversario cunha portada de papel electrónico

venres, 1 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Normalmente falamos de prensa tradicional á que está atada ao soporte de papel, mentres que consideramos prensa dixital á que se edita a través da Internet, pero iso non implica que os vellos medios non poidan emprender iniciativas innovadoras, coma o que vai facer a revista norteamericana Esquire para celebrar o seu 75 aniversario no outono, pois anunciou que a súa portada vai estar feita de papel electrónico, o que permitirá que o seu contido se refresque durante varias semanas (mentres lle dure a pila incorporada) no que podería ser un adianto do que serán os xornais e as revistas no futuro.
Deste xeito, no mes de outubro poderiamos ver nos quioscos norteamericanos a primeira portada de revista animada da historia que, aínda que non sexa algo molesto, consistirá no cambio da orde dos titulares e algún outro efecto que procurará non ser molesto, aínda que as partes cambiantes do papel serán só en branco e negro (con catro niveis de gris) pola limitación tecnolóxica do papel electrónico actual. As partes da portada compostas en cor deberán pegarse sobre o papel electrónico.
Esta orixinal iniciativa non suporá un incremento do prezo de portada da revista grazas ao patrocinio de Ford, e en vista da atención que captará non sería sorprendente que a imitasen outras publicacións. Peter Griffin, editor de Esquire destacou que a portada especial incrementará o peso da revista, aínda que non moito, pois estariamos a falar dunha portada duns 3 milímetros de espesor (por mor da protección que montan na revista para que non se poida dobrar).
Cómpre destacar que moitos hackers tamén amosaron o seu interese en poder aproveitar o papel electrónico da portada para outros usos, xa que o integrado que controla os contidos da portada podería manipularse, e a súa limitación básica parece ser a autonomía da súa batería (o que tería unha doada solución).

PUBLICIDADE