Especialistas reunidos en Pontevedra sitúan ao eBook como agasallo estrela do Nadal

martes, 15 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

Para quen dubidase sobre a cuestión, non é casualidade que as grandes editoriais galegas elixisen estes días previos ao Nadal dunha década de innovación que remata para dar a coñecer os seus primeiros libros electrónicos. Segundo se conta na Internet e veñen de sinalar participantes na xornada sobre deseño editorial e eBooks celebrada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra, este que estamos a vivir é o intre do afianzamento dunha tecnoloxía e dun produto tecnoloxico-cultural en concreto: o soporte de lectura do libro electrónico (eReader) e o libro electrónico en si mesmo (eBook). Para os especialistas reunidos nas ditas xornadas, xa non hai volta atrás no que se refire á dixitalización da cultura, está aquí para quedarse, e probablemente con moitas opcións de acadar un beneficioso equilibrio co libro en papel que xa coñecemos.
O que cómpre facer agora, sinalaron, é adaptar o noso negocio e o noso deseño gráfico ao novo contexto, e buscar vieiros para esta adaptación foi, precisamente, o obxectivo principal das devanditas xornadas, organizadas pola Área de Comunicación Audiovisual e Publicidade coa coordinación dos profesores Alberto Pena e Pedro Pablo Gutiérrez. En opinión do primeiro dos mestres, “non se trata unicamente dun cambio de soporte, senón tamén da apertura a novos mecanismos de información, posto que o libro dixital permitirá empregar múltiples ferramentas como ligazóns a webs, procurar palabras en todo o texto, que os apuntamentos a pé de páxina se transformen en xanelas, a inclusión de citas audiovisuais que remitan a un vídeo..., en definitiva, será multidimensional e multimedia”.
No transcurso da xornada tamén interviñeron Ángel Sáenz de Cenzano, director de loxística do Grupo Santillana, quen falou do presente e futuro da industria do libro e fixo un repaso polos cambios máis importantes que a irrupción do eBook vai achegar no eido editorial. Neste senso, salientou que se eliminan os atrancos de almacenamento e que a distribución será máis doada e con dispoñibilidade en todo o mundo, o que xunto co aforro de papel abaratará os custes do produto e mesmo o prezo final do libro.
Complementaron a xornada sobre eBook os relatores José Crespo, director de arte de Santillana, que falou dos criterios gráficos, tipográficos e de maquetación no deseño editorial; e Víctor Freixanes, director xeral de Galaxia, que tratou a expansión do libro electrónico en galego e a súa repercusión no negocio editorial en Galicia.

PUBLICIDADE