Especialistas en TIC desvelaron en Santiago a realidade do empregado 3.0

luns, 5 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

A undécima edición do Seminario TIC para Grandes Empresas e Organismos, do que xa falamos para dar conta da sesión de apertura, reuniu esta fin de semana en Santiago a arredor de medio centenar de especialistas nas novas correntes das novas tecnoloxías, sobre todo aquelas con máis potencial para a creación e desenvolvemento das empresas. Esta vertente de análise de novos recursos foi ben lonxe, segundo fai saber a organización (a empresa galega Ednon), tanto foi así que se lle deu forma e contido á figura do empregado 3.0, un profesional que pode tirarlle o máximo partido ás novas tecnoloxías, sen lugar de traballo nin horario definidos pero moi comprometido, malia esta ausencia de límites e contorno físico definido, coa empresa na que traballa.
O seminario, no que amais de profesionais TIC procedentes do sector privado participaron representantes das administracións públicas de España e Panamá, serviu para poñer en común visións sobre o futuro, a medio e longo prazo, da xestión pública e empresarial da man das novas ferramentas. Neste senso, entre os temas concretos a tratar incluíronse o papel das TIC nas administracións locais e máis o dito concepto de traballador 3.0, moi afín ao sector tecnolóxico-dixital pero con claras posibilidades de estenderse a outros contornos produtivos. Estas son, segundo se fixo saber no encontro, as principais características deste novo modelo laboral: independencia física, liberdade horaria, flexibilidade e aforro de custos estruturais, conexión, mobilidade e compromiso. Así o fixo saber Carlos Piqueras, de Intel, principal impulsor deste novo concepto en España. Ao seu xuízo, o novo contorno profesional ten unha serie de cousas que concorren xuntas no seu apoio. Por exemplo, un bo número de produtos tecnolóxicos deseñados na súa orixe para o gran consumo e que agora se converten en recursos de gran potencial profesional, cousa que xa se comeza a coñecer como “consumerización”. Isto obriga ás empresas a fortalecer estes equipos con elementos que garantan cuestións como a seguridade no seu emprego, ou unha alta conectividade, subliñou.
O foro tamén deu acubillo a un debate sobre o papel que desenvolven as administracións provinciais de Pontevedra, Palencia e Salamanca na asistencia aos seus concellos en cuestión de servizos á cidadanía, servizos canalizados a través do que se coñece como Administración Electrónica. Trátase dunha asistencia cada vez máis ampla e que arestora ten unha serie de retos a superar. Por exemplo: a mellora da formación do cidadán en servizos telemáticos co fin de permitir rendibilizar o investimento.
A sesión organizada por Ednon desenvolveuse na Cidade da Cultura, un espazo que, por certo, dará acubillo ao Centro de Proceso de Datos Integral de Galicia (CPDI), de cuxa presentación falamos recentemente nesta web.

PUBLICIDADE