EspazoAbalar segue a incrementar as súas visitas dende a comunidade educativa

martes, 1 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Dende que botou a andar a finais do pasado mes de outubro, o espazoAbalar, a web do proxecto educativo desenvolvido pola Xunta para dixitalizar as aulas que leva o mesmo nome, xa recibira máis de 15.000 visitas antes de rematar o mes de xaneiro (concretamente a día 21).
A plataforma, creada para fomentar a participación e a comunicación online de toda a comunidade educativa, experimentou un incremento de visitas nos últimos 15 días do 44,5 por cento, unha cifra que pon ao descuberto o interese que pais, nais e titores mostran polos novos recursos educativos dos que dispón o sistema de ensino galego.
Xa que logo, as visitas rexistradas nos últimos tres meses no espazoAbalar contribúen a acadar o obxectivo para o que foi creado, “servir como plataforma de participación para os pais, alumnos e profesores, no que ademais estes últimos poden acceder a recursos para a súa actividade docente”.
Segundo informan dende a Consellaría de Educación, a entidade responsable do proxecto xunto coa Secretaría Xeral de Modernización, “o maior número de visitas concentrouse no repositorio de contidos no que se realizaron 8.532 descargas”.
Na actualidade, o repositorio conta con 640 recursos que se están a incrementar de xeito continuo. O recurso máis descargado é Adaptación Far West, correspondente ao nivel educativo de 1º de Secundaria e a materia de inglés. Este contido acumulou ata o pasado 21 de xaneiro preto de mil descargas, case o mesmo número que os outros cinco contidos máis descargados, correspondentes ao nivel de 5º de Primaria e a materia de Lingua castelá e Literatura.
A pasada semana, tal e como anunciamos en Código Cero, púxose a disposición da comunidade educativa a nova versión do espazoAbalar que permite, entre outras cousas, que os pais e os profesores poidan xestionar as titorías dos alumnos, consultar as notas da primeira avaliación, coñecer as faltas ou presentar xustificantes por Internet.
A Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Modernización están a traballar xa na terceira versión do espazoAbalar, un proxecto que, segundo afirman, “precisa de actualizacións e enriquecementos periódicos”.
Por outra banda, ámbalas dúas entidades anunciaron que tamén teñen en vista poñer en marcha unha nova edición do Plan Navega con Rumbo, que a través de charlas dirixidas a alumnos, pais e profesores, ofrece as claves para navegar pola Rede con seguridade.
Os encargados de impartir estas charlas serán profesionais do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia, entidade que, segundo adianta o Executivo, “asinará un convenio coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para iniciar unha nova edición de Navega con Rumbo”.

PUBLICIDADE