España xa ten 27 millóns de internautas, segundo o Goberno

venres, 25 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A cifra de internautas en España, segundo os datos máis recentes achegados por Red.es, é de case 27 millóns. Así nolo conta a entidade público empresarial do Ministerio de Industria ao abeiro do informe sobre Perfil Sociodemográfico dos Internautas 2010, un estudo feito polo Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI) onde se sinala, entre outras cousas, que o uso da Internet “é cada vez máis intensivo, sendo a día de hoxe máis de 15 millóns de persoas as que empregan esta plataforma tecnolóxica decote, é dicir, o 44,4% da poboación de 16 a 74 anos”.
Asemade, infórmase que a poboación da cidadanía de dez e máis anos de idade que accedeu á Rede nalgunha ocasión emprázase, como dixemos, arredor dos 27 millóns. Amais da fenda dixital xeográfica, a que afasta ao rural e ás cidades en posibilidades de acceso, tamén se reduciu a fenda dixital por sexos (3,4 puntos porcentuais menos dende 2008). Igualmente, o informe salienta que as maiores porcentaxes de usuarios da Rede atópanse hoxe en día entre os estudantes. De feito, sinálase, case todos teñen accedido algunha vez á Internet, e o 96% faino cada quince días.
Volvendo aos índices por sexos, dicir que na investigación dase conta de que a totalidade das mulleres entre 25 e 34 anos con estudos universitarios conectouse ás redes algunha vez. O informe tamén afonda na evolución da porcentaxe de internautas ao longo do último lustro: durante o ano 2010, o 58,4% das persoas entre 16 e 74 anos empregaron Internet tódalas semanas, mentres que en 2005 fixérono o 35,1%, o que significa un medre de 23,3 puntos porcentuais.

PUBLICIDADE