España supera o millón de liñas FTTH

venres, 3 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Ganancia neta (en milleiros) de liñas móbiles no mes de xullo

A nota correspondente ao mes de xullo da Comisión Nacional do Mercado da Competencia sorprendeu por varias novidades de interese, como o feito de que houbo un crecemento de 91.237 liñas de fibra óptica até o fogar, de xeito que supérase a barreira do millón de liñas en España, rexistrándose concretamente 1.025.056 liñas, o que supón un crecemento do 118,6% fronte o ano anterior, de xeito que serían a tecnoloxía de banda larga que máis está a medrar, aínda que en boa medida sexa captando clientes de conexións DSL e mediante cable coaxial.
Con este novo escenario temos que Telefónica queda co 45,63% das liñas de banda larga, mentres que os operadores de cable teñen que conformarse só co 17,19%, o que reflicte unha deficiencia histórica na competencia dentro do noso territorio, onde non foi posible paliar os efectos da posición dominante de Telefónica, que en moitos territorios funciona como un monopolio de facto. Pola contra, no sector da telefonía móbil a tendencia é xusto a contraria, e o único operador en ter unha perda neta de liñas sería este mes Movistar, que nesta ocasión non está acompañado por Vodafone na caída de liñas. Mentres Movistar perdeu 38.589 liñas móbiles, Vodafone gañou 11.717, Orange gañou 67.227, Yoigo medrou en 21.373 liñas e os OMV conseguiron incrementar o seu número de liñas en 153.553.
Un detalle a destacar é que tras un período bastante malo, levamos cinco meses consecutivos con crecemento no número de liñas móbiles, dando a impresión de que se está a consolidar a situación alcista do sector.

PUBLICIDADE