España sitúase por debaixo da media europea nas compras en liña

venres, 6 de marzo do 2009 Raquel Noya

Segundo recolle un informe sobre comercio electrónico que vén de publicar a Comisión Europea, “o 20 por cento dos españoles comprou produtos ou servizos a través de Internet para uso privado durante o último ano”, unha cifra que se mantén moi por debaixo da media comunitaria, situada no 32 por cento, pero que vai en ascenso conforme pasa o tempo pois cada vez son máis as persoas que recurren a este medio para facer as súas compras.
O mercado europeo do comercio electrónico estimouse en 106.000 millóns de euros en 2006, unha cantidade da cal o 70 por cento se repartiron os mercados do Reino Unido, Alemaña e Francia.
Asemade, durante o pasado ano, o 57 por cento dos británicos comprou bens ou servizos en Internet e Dinamarca, Países Baixos, Alemaña, Suecia e Finlandia, tamén superaron a cifra do 50 por cento.
Nembargantes, os países máis atrasados neste campo son Bulgaria, Romanía, Letonia, Grecia, Chipre e o noso veciño Portugal, que non superan o 10 por cento.
Os artigos máis comprados en 2008 a través do comercio electrónico foron, segundo o informe, as viaxes e paquetes vacacionais (42 por cento), a roupa e o equipamento deportivo (41 por cento) e os libros e revistas (39 por cento).
O estudo da Comisión tamén recolle cifras en relación ás compras transfronteirizas por Internet, as cales, segundo apunta, rexistran unha porcentaxe moi baixa (un 7 por cento en 2008).
A xuízo dos responsables da investigación do comercio en liña, as principais barreiras que retrasan o desenvolvemento do comercio electrónico transfronteirizo son “a segmentación xeográfica, as barreiras lingüísticas, os problemas loxísticos relacionados coa interoperabilidade dos sistemas postais e de pagamento, as barreiras normativas e a falta de confianza por parte dos consumidores”.
É por iso que, para tratar de avanzar na correción destes problemas, o executivo comunitario vén de anunciar que en setembro deste ano presentará os resultados dun experimento de “compras de incógnito” independente realizado para determinar como e onde se lle está impedindo aos consumidores facer compras por Internet na UE.

PUBLICIDADE